Emigración participa na Ofrenda floral ao emigrante que celebra o Concello de Val do Dubra

O subdirector da Secretaría Xeral, Antonio Casas Calviño, asistiu aos actos celebrados na honra dos veciños e veciñas desta localidade que residen no exterior.

  • Imaxe da ofrenda floral na Estatua do emigrante
    Imaxe da ofrenda floral na Estatua do emigrante
  • Imaxe do acto deste mediodía celebrado en Val do Dubra
    Imaxe do acto deste mediodía celebrado en Val do Dubra
Ofrenda floral na Estatua ao emigrante
Listen to this page using ReadSpeaker
Val do Dubra, 6 de agosto de 2021.

O subdirector da Secretaría Xeral da Emigración, Antonio Casas Calviño, asistiu hoxe aos actos na honra ao Emigrante que organiza o Concello de Val do Dubra, onde tivo lugar unha ofrenda floral para lembrar ás veciñas e veciños deste municipio que residen no exterior.

O Concello, que o ano anterior suspendeu esta actividade por mor da pandemia, decidiu celebrala este ano levando a cabo unha misa solemne, ademais da tradicional ofrenda floral ante a Estatua do emigrante. As e os asistentes puideron tamén gozar da actuación de Andrea Pousa na rúa San Lorenzo así como de xogos populares xa pola tarde.

Durante a ofrenda floral, o subdirector da Secretaría Xeral da Emigración destacou que “toda viaxe na procura dun implica afrontar o descoñecido, pero atopámonos nunha época na que ese vertixe é aínda maior pola pandemia” e apelou ao “sentidiño” para que “o próximo ano, coa nosa prudencia e o efecto das vacinas, poidamos estar xa todos de volta e abrazarnos como nos merecemos”. 

Antonio Casas recordou que dende a Xunta de Galicia, e en concreto dende a Secretaría Xeral da Emigración, continúase a reforzar a nosa política de Emigración e apoiar ás e aos nosos galegos do exterior, mantendo un  contacto estreito con tódolos centros e asociacións de galegas e galegos de Europa e América; reforzando as axudas directas ás persoas e ás entidades e ampliando as pontes para o retorno non só das cidadás e cidadáns galegos que marcharon senón tamén das e dos seus descendentes.

1369 lecturas