Miranda salienta o valor da revista Alfareros como ponte cultural entre Galicia e Uruguai
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo unha reunión co doutor Pablo Eguren Casal, director da revista Alfareros, unha nova publicación literaria que recolle o legado da histórica revista Alfar, fundada polo seu avó, o poeta uruguaio Julio J. Casal, na Coruña en 1923. No encontro abordouse o nexo cultural que une Galicia e Uruguai a través da palabra escrita, así como o labor de recuperación da memoria e dos vínculos entre ambas beiras do Atlántico que promove esta nova iniciativa editorial.
O primeiro número de Alfareros, titulado Homenaxe a Galicia, inclúe unha crónica de Ramiro Bausero sobre o "fin do mundo", un artigo en galego do profesor José Monterroso Devesa sobre "A poesía galega no Uruguai" e poemas da escritora Yolanda Castaño. Sete décadas despois da desaparición de Alfar en 1955, esta nova revista impulsada desde Montevideo retoma o espírito de diálogo cultural e de internacionalización da literatura que definiu á publicación orixinal, cuxa influencia aínda perdura un século despois.
Novas relacionadas




