Miranda preside a entrega de insignias de ouro da Asociación do Día de Galicia en Asturias

O secretario xeral da Emigración salientou que os homenaxeados, o oncólogo Emilio Esteban e a alpinista Rosa María Fernández Rubio, exemplifican os principais valores da Galicia exterior

  • Miranda preside a entrega de insignias de ouro da Asociación do Día de Galicia en Asturias
    Miranda preside a entrega de insignias de ouro da Asociación do Día de Galicia en Asturias
  • Miranda preside a entrega de insignias de ouro da Asociación do Día de Galicia en Asturias
    Miranda preside a entrega de insignias de ouro da Asociación do Día de Galicia en Asturias
Listen to this page using ReadSpeaker
Oviedo, 16 de setembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu esta mañá a entrega de insignias de ouro da Asociación Día de Galicia en Asturias, que este ano recaeron sobre Emilio Esteban, xefe de Oncoloxía do HUCA e membro da Real Academia de Medicina, e Rosa Fernández Rubio, alpinista. O responsable autonómico salientou durante o acto a importancia dos valores que exemplifican ambos homenaxeados, que coinciden cos que Galicia defende tanto fóra como dentro das súas fronteiras.

“A paixón por todo o que fan, a entrega a unha causa cuxo principal obxectivo é mellorar a calidade de vida das persoas e a capacidade de entrega e sacrificio por aquelo que consideran, non só importante, se non tamén xusto acompañou, e aínda acompaña hoxe, aos galegos que viven espallados polo mundo”, sinalou Miranda. “Este son algúns do motivos polos que considero unha honra que estes dous profesionais nos seus diferentes ámbitos formen parte desde hoxe deste elenco de homenaxeados con motivo da celebración do Día de Galicia en Asturias”, engadiu o titular do departamento do Executivo galego.

Dedicación e esforzo

Fernández Rubio fixo cumio en seis das catorce montañas de máis de 8.000 metros, incluído o monte Everest, e a día de hoxe é, ademais, a única muller española en completar o Proxecto 7 Cumios, escalando as montañas máis altas de todos os continentes. Aos méritos deportivos desta muller súmanse o seu amor polo Camiño de Santiago, que percorreu varias veces en bicicleta, así como a fundación en 2011 do clube Una a Una, o primeiro equipo ciclista feminino de BTT de España, co que levou a cabo varios proxectos deportivos e solidarios, e a súa constante colaboración coa Asociación Española Contra el Cáncer (AECC).

Esteban, quen ten ás súas costas unha dilatada carreira de investigación do cancro que inclúe múltiples publicacións e cargos de responsabilidade en diferentes medios e departamentos, foi nomeado director do laboratorio de Oncoloxía Médica do Principado de Asturias no 2007, e ingresou na Real Academia de Medicina o pasado mes de maio.

Actos culturais e sociais

Miranda participou, xunto ao presidente da Asociación de Día de Galicia en Asturias, Manuel Fernández Quevedo, nos actos conmemorativos da comunidade galega na capital ovetense, que concluíron este mediodía logo de varios días de actividades de carácter cultural, empresarial e social organizados pola entidade. Conferencias, encontros de empresarios, concertos, celebracións litúrxicas e un parque temático con reproducións dos monumentos galegos na rúa Picasso de Oviedo conformaron o programa deste evento.

En Asturias residen actualmente 22.297 galegos, segundo as últimas cifras publicadas polo Instituto Nacional de Estadística (INE), a data 1 de xaneiro de 2018, dos que o grupo máis numeroso, formado por 9.243 galegos, é o nado na provincia de Lugo; seguido do procedente da Coruña, con  6.733 persoas; do de Pontevedra, con 3.459; e, por último, do de Ourense, con 2.862 persoas. Pola súa banda, Galicia acubilla un total de 17.375 galegos, dos que 6.887 residen na provincia da Coruña, 5.807 na de Lugo, 3.436 na de Pontevedra e 1.251 na de Ourense.

1073 lecturas