Miranda asiste aos actos do ‘Día de Galicia en Asturias’, que inclúen unha homenaxe das e dos galegos alí residentes á Policía Científica pola súa colaboración no accidente de Angrois

O secretario xeral da Emigración visita asemade estes días os centros galegos do Principado e participa nalgunhas das súas actividades.

Listen to this page using ReadSpeaker
Oviedo/Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asiste esta noite ao concerto da cantante galega Lucía Pérez –quen fora a representante española de Eurovisión hai dous anos- no Auditorio Príncipe Felipe de Oviedo en homenaxe á brigada da Policía Científica, da Xefatura Superior de Asturias, pola súa colaboración no tráxico accidente ferroviario de Angrois na véspera do Día de Galicia. Trátase dun acto organizado pola ‘Asociación Día de Galicia en Asturias’.

Esta entidade, que preside Manuel Fernández Quevedo, salienta tódolos anos cunha actividade de relevante presenza social en Oviedo as ligazóns entre ambas comunidades. A Asociación naceu como un punto de encontro dos centenares de galegas e galegos residentes na capital asturiana, co obxectivo de homenaxear a aquelas entidades ou persoas que traballan por un mellor entendemento mutuo.

Ademais de a este evento organizado polos galegos e as galegas residentes no Principado, Rodríguez Miranda asistirá tamén este próximo domingo á misa cantada por Tina Gutiérrez na catedral ovetense en recordo das vítimas do tren, ademais de en lembranza da socia Dolores Fernández. Neste acto estarán asemade presentes o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, así como autoridades locais.

Tralo oficio relixioso, e de novo no Auditorio Príncipe Felipe, terá lugar a imposición das insignias de ouro, e entrega dos carnés de socias e socios de honra, ao alcalde de Oviedo, Agustín Iglesias, e ao presidente da Organización Nacional de Cegos de España (ONCE), o galego Miguel Carballeda.

Avilés e Xixón
Ademais de participar nestes dous eventos organizados pola Asociación ‘Día de Galicia en Asturias’, o secretario xeral da Emigración quixo estes días coñecer persoalmente as instalacións e directivos das outras dúas entidades galegas con implantación na comunidade veciña. O Principado, pola súa proximidade xeográfica, alberga unha comunidade galega importante.

Así, Rodríguez Miranda visitou o Lar Gallego de Avilés, fundado hai 52 anos e que conta cunha casa de tres plantas en propiedade, onde tivo oportunidade de coñecer a sede e a directiva da entidade, e tamén asistir á degustación de produtos gastronómicos típicos, organizada polo Consorcio As Mariñas, que engloba a nove concellos coruñeses: Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.

E antes de participar no concerto homenaxe á brigada da Policía Científica, o máximo responsable de Emigración cursa visita ao Centro Gallego de Xixón, que conta con 57 anos de existencia e un local en propiedade de case 500 metros cadrados, onde se mantén unha intensa actividade cultural e social durante todo o ano.

1235 lecturas