Publicadas no DOG as bases das axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente especialmente derivadas da covid-19

O Goberno galego aumenta a súa dotación para este fin, pasando dos 200.000 euros do ano anterior aos 500.000 que se destinarán este ano para aquelas e aqueles residentes do exterior que padezan un deterioro grave da súa situación social e económica a causa da pandemia.  

Imaxe do Consello da Xunta no que se aprobaron as bases das Axudas de Emerxencia Social para galegas e galegos residentes no exterior
Imaxe do Consello da Xunta no que se aprobaron as bases das Axudas de Emerxencia Social para galegas e galegos residentes no exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2021.

A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia as bases das axudas para familias galegas do exterior en situacións de emerxencia social urxente especialmente derivadas da covid-19.

Deste xeito, o Goberno galego, a través da Secretaría Xeral da Emigración, destina 500.000 euros ás e aos residentes do exterior que carezan dos recursos económicos necesarios para atender problemas sobrevidos de carácter extraordinario, xa sexan sociais, sanitarias ou asistenciais. 

Estas axudas, que contarán en 2021 cun crédito orzamentario de 500.000 euros, destínanse a persoas emigrantes galegas e aos seus fillos e fillas que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior e que, por cuestións urxentes e extraordinarias, se atopen en situacións de emerxencia social, derivadas da situación de pandemia xerada pola covid-19. O pasado ano, esta convocatoria xa se viu incrementada ata os 200.000 euros debido aos problemas que comezaron a xurdir polo avance do virus nos distintos países.

Estes apoios económicos consisten en axudas de ata 3.000€ por persoa beneficiaria.

A covid-19 converteuse nunha pandemia global e as súas consecuencias sociais e económicas redundan no agravamento de situacións persoais que, nalgúns casos, levaron ao límite de exclusión social a familias galegas que viven en terceiros países, especialmente, en América, onde estes problemas veñen a sumarse ás propias dificultades das situacións económicas e sociais que se están a vivir neses lugares. 

Os requisitos necesarios para solicitar estas axudas é ter rendas ou ingresos insuficientes, contar cun patrimonio insuficiente ou acreditar razóns de carácter social, sanitario ou asistencial de situacións sobrevidas nun tempo próximo ao da súa solicitude como máximo nos últimos doce meses e que, pola súa gravidade, requiran dunha actuación urxente ou da necesidade de realizar a viaxe por mor desta razón. 

O prazo destas axudas establecerase na orde na que se convoquen, que se prevé publicar no vindeiro mes de abril e que a Xunta terá aberto ata novembro.

En imaxes
563 lecturas