Miranda participa na celebración dos 60 anos da Casa de Galicia en Valladolid

No decurso do acto, e en representación de Núñez Feijóo, recibiu o galardón de presidente de honra da entidade.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2014.

O Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi galardoado esta fin de semana –no que se celebraban os 60 anos da fundación da Casa de Galicia en Valladolid- coa Presidencia de Honra da entidade, nun acto no que recibiu  a mesma consideración o catedrático da Universidade desa cidade Celso Almuíña, orixinario de Chantada. En representación do máximo mandatario do Goberno galego, asistiu e recibiu a insignia o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

Miranda agradeceu o recoñecemento en nome de Núñez Feijóo, e fixo entrega dun escudo oficial de Galicia á entidade anfitrioa, “símbolo do compromiso da nosa terra, e do seu goberno, con tódalas colectividades galegas espalladas polo mundo, e moi nomeadamente con esta Casa que representa a tódalas galegas e tódolos galegos en Valladolid”.

A entidade organizadora tamén nomeou ás empresas galegas Gadis e Estrella Galicia como socias de honra, e entregáronse as insignias de prata aos socios e socias con máis de 25 anos de antigüidade na institución, que preside Antonio Barbosa, e que con este acto concluía a Semana Cultural que cada ano dedica a Galicia na capital castelán leonesa.

Colectividade activa
O medio milleiro de socias e socios da Casa de Galicia en Valladolid comparten un local social en propiedade situado nunha zona ben céntrica da cidade, de tres plantas e dotado con equipamento xuvenil, despacho, biblioteca con preto de tres mil exemplares, e servizos de hostalaría. Ademais dunha publicación anual, a Casa desenvolve ao longo do ano múltiplas actividades culturais e sociais, e posúe bandas propias de gaitas, baile, pandeireteiras, e coral, así como agrupación deportiva, todo o cal lle confire un carácter atractivo para a mocidade.

1197 lecturas