Miranda invita aos rapaces do ‘Conecta con Galicia’ a afondar nas ligazóns coa súa terra de orixe

O secretario xeral da Emigración percorreu un tramo do Camiño de Santiago cun dos grupos que estes días disfrutan a Galicia territorial

Este ano benefícianse 177 galegos residentes no Exterior

  • Miranda invita aos rapaces do ‘Conecta con Galicia’ a afondar nas ligazóns coa súa terra de orixe
    Miranda invita aos rapaces do ‘Conecta con Galicia’ a afondar nas ligazóns coa súa terra de orixe
  • Miranda invita aos rapaces do ‘Conecta con Galicia’ a afondar nas ligazóns coa súa terra de orixe
    Miranda invita aos rapaces do ‘Conecta con Galicia’ a afondar nas ligazóns coa súa terra de orixe
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago, 10 de xullo de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, compartiu esta xornada con algúns dos rapaces e rapazas, galegos residentes no Exterior, que participan este ano no programa ‘Conecta con Galicia’, e invitounos “a profundar nesas raíces que estades descubrindo ou redescubrindo, esas pontes de comunicación co voso pasado recente, que é o dos vosos pais e avós, e a conservar e facer medrar esa pegada cultural que sentides con tanta o máis forza ca nós; en definitiva, a afondar nas ligazóns coa vosa terra de orixe”.

Rodríguez Miranda desprazouse á mañá ata Arzúa, para percorrer un tramo do Camiño de Santiago cun dos grupos que disfruta estes días da Galicia territorial e que están a rematar a andaina xacobea, principal baluarte cultural, histórico, turístico e mesmo económico de Galicia, e o seu principal sinal de identidade no estranxeiro.

Con elas e eles falou precisamente da importante e crecente presenza relevancia galega no Exterior, e tamén da actualidade e as necesidades que detectan as e os galegos de segundas xeracións nados no estranxeiro, así como das posibles solucións para algunhas delas.

As e os mozos trasladaron a Miranda o seu agradecemento polos programas que, coma este, axudan a manter vivos os lazos entre Galicia e as xeracións de galegos nados xa na diáspora, entre eles unha iniciativa novidade deste ano, as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, grazas ás cales un centenar de galegos residentes no Exterior completarán a súa formación nalgunha das universidades galegas, coa finalidade de que asenten no territorio a súa traxectoria profesional e vital.

 

O programa

‘Conecta con Galicia’ é un programa dirixido a mozas e mozos de orixe galega ou descendentes de galegos e que residan no Exterior, iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, pola que se pretende que este colectivo teña a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse cos seus familiares da outra beira do Atlántico.

O programa permite que 177 descendentes de cidadáns galegos podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial. Na edición deste ano 2017, dos 157 participantes nesta modalidade, un total de 75  proceden da Arxentina, 36 do Uruguai, 29 de Venezuela, 7 de Cuba, 4 de Brasil, 3 de México, 2 de Chile e 1 dunha comunidade española distinta a Galicia.

‘Conecta con Galicia’ desenvólvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se benefician 157 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Comparten con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social. Nestas instalacións realizan dúas actividades de seis días cada unha: participan en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorren o Camiño de Santiago. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizan actividades no ámbito costeiro.

A segunda modalidade son os campos de traballo voluntario, que se desenvolven do 18 ao 30 do mes de agosto, e da que se benefician 20 mozas e mozos da diáspora, que durante a súa estadía conviven tamén con compañeiros residentes na Comunidade Autónoma. É unha modalidade concibida para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos, na que desenvolven actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

1879 lecturas