Convocado o programa ‘Conecta con Galicia’, que fará posible que 190 descendentes de galegos e galegas convivan con mozos e mozas residentes na comunidade

A iniciativa desenvolverase en dúas modalidades, unha de actividades ao aire libre e outra en campos de traballo.

Na imaxe de 'Conecta con Galicia 2013', o presidente da Xunta e o secretario xeral da Emigración posan na foto de grupo cos mozos e mozas cos que percorreron a etapa do Camiño de Santiago pola Vía da Prata ata o mosteiro de Oseira
Na imaxe de "Conecta con Galicia 2013", o presidente da Xunta e o secretario xeral da Emigración posan na foto de grupo cos mozos e mozas cos que percorreron a etapa do Camiño de Santiago pola Vía da Prata ata o mosteiro de Oseira
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2014.

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a resolución pola que se regula e convoca o programa de axudas para a participación no programa “Conecta con Galicia” dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas galegas e que residan no exterior, durante o ano 2014.

Trátase dunha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se pretende que este colectivo teña oportunidade de coñecer de primeira man a realidade galega, e atoparse coas e cos seus familiares da outra beira do Atlántico.

O programa ten como obxectivo fortalecer esas ligazóns que relacionan a estas mozas e mozos coa terra das e dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia ao mesmo ou superior nivel dos países onde naceran. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.

Así, o programa permitirá que 190 descendentes de cidadás e cidadáns galegos podan coñecer a realidade da mocidade galega a través da convivencia e das experiencias que lles acheguen as actividades previstas, e sobre todo da convivencia persoal e humana coas e cos seus coetáneos desta parte do océano, pois a estadía realízase conxuntamente cun colectivo de rapaces e rapazas residentes na Galicia territorial.

Actividades de aire libre
‘Conecta con Galicia’ desenvolvese en dúas modalidades. A primeira delas son actividades de aire libre, modalidade da que se beneficiarán 170 mozos e mozas galegos residentes fóra de Galicia, distribuídos en dous grupos de idade, de 14 a 17 anos e de 18 a 20 anos. Compartirán con mozos e mozas residentes en Galicia, en dúas quendas de doce días, do 1 ao 12 de xullo e do 15 ao 26 de xullo, as residencias e albergues xuvenís situados en Galicia e dependentes da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, da Consellería de Traballo e Benestar.

Nestas instalacións  realizarán dúas actividades, de seis días cada unha. Durante a primeira, denominada “Cultura e Camiño”, as e os participantes aloxaranse nas residencias xuvenís Lug II de Lugo, e Florentino López Cuevillas de Ourense, onde participarán en actividades dirixidas a coñecer o patrimonio histórico cultural das respectivas zonas, e percorrerán o Camiño de Santiago en varias etapas ata o destino final en Compostela. O segundo grupo de actividades, tamén de seis días de duración, desenvólvese baixo o paraugas do epígrafe “O mar de Galicia” no albergue xuvenil de Gandarío en Bergondo (A Coruña) onde realizarán actividades de náutica de lecer e de coñecemento do medio mariño.

Campos de traballo
A segunda modalidade son os campos de traballo, para os que se teñen convocado 20 prazas, para participantes con idade comprendidas entre os 20 e 30 anos. Trátase de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos na procura dun maior coñecemento da cultura galega, da mellora ambiental da contorna, e da recuperación do patrimonio cultural e arquitectónico.

Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados, tanto nunha modalidade como na outra, asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de orixe, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades a desenvolver no programa en particular. Tamén serán informados das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que se aloxarán.

A resolución do DOG explica os requisitos que as e os candidatos deben reunir para poderen optar ao programa, e os lugares onde se pode presentar a documentación requirida. Tamén establece un prazo dun mes para a presentación das solicitudes, e outro máximo de tres meses para a publicación definitiva da listaxe das e dos beneficiarios.

Países
Neste ano resérvanse 71 prazas para solicitudes que proveñan da Arxentina (67 para actividades ao aire libre, e 4 para campos de traballo), 45 para Uruguai (42 e 3), 22 para Venezuela (20 e 2), 17 para Brasil (14 e 3), e 5 para Cuba (3 e 2). Para as que proveñan doutros países de América resérvanse 8 (6 e 2), para os países de Europa 10 (8 e 2), e para as que proveñan doutras Comunidades Autónomas españolas, outras 12 (10 e 2).

2283 lecturas