Miranda invita en Alacant a toda a colectividade galega de España e o exterior a celebrar “con orgullo e espírito de unidade” o Día de Galicia

O secretario xeral da Emigración presidiu o acto que congregou os galegos e galegas que residen nesta cidade alacantina.

As tres provincias levantinas acubillan preto de 20.000 cidadás e cidadáns galegos de orixe, dos que o grupo máis numeroso é o coruñés, seguido do pontevedrés.

O secretario xeral da Emigración, na súa visita á entidade galega na capital alacantina
O secretario xeral da Emigración, na súa visita á entidade galega na capital alacantina
Listen to this page using ReadSpeaker
Alacant, 13 de xullo de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu este mediodía a celebración do Día de Galicia que, como cada ano, organiza o centro Galego de Alacant, unha das entidades galegas de referencia na costa levantina. Durante o acto o responsable do departamento autonómico invitou, non só á colectividade galega desta provincia valenciana senón a toda a galega que está espallada polo mundo, a “celebrar con orgullo e con espírito de unidade unha das datas máis importantes para os galegos, estean onde estean e se dediquen ao que se dediquen. O sentimento de galeguidade está, e debe estar, por riba doutros intereses individuais”.

A de Alacant é unha das primeiras datas nas que as entidades galegas situadas fóra da Galicia territorial conmemoran o día da comunidade autónoma, unha efemérides á que cada ano máis centros dedican unha parte das súas actividades culturais e sociais. No caso da alacantina, o abano de propostas que teñen lugar ao longo do ano segue a ampliarse logo de máis de catro décadas de historia, nas que os seus socios e socias e respectivas directivas lograron dar vida á agrupación de gaitas Os Castros, encargada de amenizar a celebración de hoxe, e a de pandereteiras e cantareiras, entre outras. Ademais, o centro ofrece clases de percusión, de baile e de costura de traxe tradicional galego e organiza eventos como o Encontro de Gaitas, que este ano celebrará a súa segunda edición, e participa no desfile do día da ofrenda floral de San Xoán. 

Na Comunidade Valenciana residen actualmente 18.485 cidadás e cidadáns galegos, dos que 6.829 proceden da Coruña, 2.609 de Lugo, 3.973 de Ourense e 5.074 de Pontevedra, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a 1 de xaneiro de 2019. Pola outra banda, Galicia acubilla 4.180 valencianas e valencianos , dos que 1.414 foron nados na provincia de Alacant, 477 na de Castellón e 2.289 na de Valencia. 

En imaxes
520 lecturas