Miranda entrevístase con altos cargos da Administración cubana para preparar a viaxe de Núñez Feijóo á illa

O secretario xeral da Emigración preside unhas xornadas na Habana sobre a Lei de Galeguidade, e a unión de entidades, para a numerosa diáspora asentada na República americana.

O alto cargo da Xunta participa no descubrimento da placa conmemorativa no edificio que albergou na Habana a Curros Enríquez.

En Cuba residen 30.000 galegas e galegos, a moitos dos cales acaba de recoñecérselle a cidadanía española.

  • O celanovés autor de 'Aires d'a miña terra' -obra de referencia da literatura galega- residiu no edificio que se amosa na imaxe
    O celanovés autor de "Aires d'a miña terra" -obra de referencia da literatura galega- residiu no edificio que se amosa na imaxe
  • O secretario xeral de Emigración no acto de descubrimento da placa conmemorariva no edificio que albergou a Curros Enríquez
    O secretario xeral de Emigración no acto de descubrimento da placa conmemorariva no edificio que albergou a Curros Enríquez
  • O secretario xeral de Emigración no acto de descubrimento da placa conmemorariva no edificio que albergou a Curros Enríquez
    O secretario xeral de Emigración no acto de descubrimento da placa conmemorariva no edificio que albergou a Curros Enríquez
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, entrevístase mañá xoves na Habana co director para Europa do Ministerio de Relacións Exteriores da República de Cuba, Eduardo Rodríguez Perdomo, e mailo director de Relacións Internacionais do Ministerio de Xustiza cubano, Claudio Ramos.

O encontro serve para perfilar a axenda da viaxe de Núñez Feijóo, primeira oficial como Presidente da Xunta á illa, e que previsiblemente terá lugar antes de fin de ano, razón pola que Miranda se reunirá asemade con representantes da Embaixada española na capital cubana. A visita de Feijóo será un evento con un marcado carácter simbólico, dada a elevada presenza de galegas e galegos na República.

Precisamente, o contacto coa diáspora será un dos eixos fundamentais da visita, como o é arestora na axenda de Miranda. De feito, hoxe mércores o secretario xeral preside a celebración dunha xornada técnica de presentación da Lei de Galeguidade, recentemente aprobada polo Parlamento autonómico, e amplamente consensuada coas Comunidades Galegas do Exterior, xornada na que participa boa parte da colectividade galega na Habana, encabezada polo presidente da Federación de Sociedades Galegas na República de Cuba, e membro electo da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas (máximo órgano de representación da Emigración galega no mundo), Sergio Toledo.

Nestas xornadas tamén se abordará a posibilidade, recollida na devandita normativa, da unión de entidades presentes na illa e con recoñecemento oficial de Galeguidade, aplicando na práctica o espírito emanado da Lei.

Visita a centros
Ademais de participar nesta xornada, o secretario xeral intensifica nesta viaxe o seu contacto directo coa diáspora galega coñecendo de primeira man as necesidades e inquedanzas actuais de catro centros galegos da Habana. Así, xa na tarde de onte tivo oportunidade de achegarse a coñecer persoalmente a sede e integrantes da Sociedad La Aurora de Somozas, e inmediatamente despois, a asociación Monterroso y Antas de Ulla Sociedad de Protección y Recreo.

Xa na xornada de hoxe mércores, e tras participar na xornada técnica sobre a Lei de Galeguidade, a Rodríguez Miranda aínda se achegará ata un terceiro punto de referencia da colectividade galega na capital cubana, a Asociación Naturales de Ortigueira Sociedad Española de Beneficencia y Protección Mutua. Finalmente, o secretario xeral da Emigración reunirase coa directiva dunha cuarta entidade xa na xornada de mañá xoves, o Centro Unión Orensana.

Placa na casa de Curros
Na xornada de onte martes, primeira da estadía de Miranda na capital cubana, participou no descubrimento dunha placa conmemorativa da residencia do escritor Manuel Curros Enríquez nun edificio da cidade, estadía que tivo lugar entre 1894 e 1908. Na descuberta participou o Historiador de la Ciudad de La Habana, Eusebio Leal.

O secretario xeral tamén mantivo diversas xuntanzas técnicas para coñecer os detalles do desenvolvemento dos programas sociais de axudas individuais a cidadáns galegas e galegos residentes na illa, e outras con socios e socias e directivas de colectividades presentes na capital para coñecer as súas inquedanzas e proxectos de futuro.

Galicia en Cuba
Na illa americana residen 30.015 galegas e galegos, o que supón un 6’47 % do global de residentes en países do estranxeiro, segundo os datos provisionais de 2013 do PERE (Padrón Español de Residentes no Exterior). Con esta cifra, Cuba configúrase como o sexto país do mundo con maior número de cidadás e cidadáns galegos.

Cómpre salientar que nos dous últimos anos produciuse un importante incremento no número de cidadáns galegos e galegas oficialmente considerados como residentes na illa, pero este aumento non pode interpretarse como un fenómeno migratorio, senón como consecuencia do recoñecemento da nacionalidade española, e a inscrición na correspondente provincia galega, de moitos residentes en Cuba desde hai tempo (mesmo algún nados alí), recoñecemento outorgado por efecto da Lei estatal de Memoria Histórica.

953 lecturas