Miranda centra a axenda da súa primeira viaxe do ano a Cuba en achegarse á situación da colectividade galega na illa
O secretario xeral da Emigración manterá encontros coas autoridades españolas e galegas no país e coas e cos representantes das entidades, así como cos mozos e mozas que participaron este verán no programa “Conecta con Galicia”.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, está a iniciar a axenda oficial da súa primeira viaxe do ano a Cuba, que centrará en achegarse á situación que vive a comunidade galega no país. Ao longo dos vindeiros catro días, o responsable autonómico manterá diversos encontros coas autoridades españolas e cubanas, así como con membros da colectividade galega residente na illa, xuntanzas que complementará con reunións de traballo cos presidentes e presidentas das asociacións galegas de La Habana.
Miranda tamén dedicará a súa estadía na república cubana a seguir a evolución das necesidades da poboación galega que vive nas rexións máis afastadas da capital. As xuntanzas coas e cos coordinadores espallados por todas as provincias de Cuba permitirán ao titular do departamento galego recibir unha completa actualización acerca da situación que atravesan. Entre os actos incluídos na axenda oficial destaca, así mesmo, a entrega de Compostelas aos mozos e mozas participantes na convocatoria de 2018 do programa da Secretaría Xeral da Emigración 'Conecta con Galicia'.
Cuba é hoxe o terceiro país que acubilla un maior número de cidadás e cidadáns galegos, con 42.116 persoas, das que menos do 10 %, 420, foron nadas en Galicia e o resto son descendentes, nacidas xa no seu país de destino. Do total de galegas e galegos residentes en Cuba, 11.316 pertencen á provincia da Coruña, 14.523 á de Lugo, 12.996 á de Ourense, e 3.281 á de Pontevedra.
Novas relacionadas