Miranda destaca que as segundas xeracións de galegos na diáspora son “o noso mellor activo” na proxección internacional de Galicia e no futuro demográfico

O secretario xeral da Emigración remata en Camagüey a súa primeira viaxe a Cuba desde o seu novo nomeamento

Viaxou ata as provincias do interior da illa para manter contacto directo e persoal coa colectividade galega e as súas necesidades e inquedanzas reais e actuais

  • Miranda destaca que as segundas xeracións de galegos na diáspora son “o noso mellor activo” na proxección internacional de Galicia e no futuro demográfico
    Miranda destaca que as segundas xeracións de galegos na diáspora son “o noso mellor activo” na proxección internacional de Galicia e no futuro demográfico
  • Miranda destaca que as segundas xeracións de galegos na diáspora son “o noso mellor activo” na proxección internacional de Galicia e no futuro demográfico
    Miranda destaca que as segundas xeracións de galegos na diáspora son “o noso mellor activo” na proxección internacional de Galicia e no futuro demográfico
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago, 27 de abril de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, concluíu a súa primeira viaxe a Cuba -desde o seu novo nomeamento- achegándose a coñecer as comunidades galegas máis afastadas da capital, na provincia central de Camagüey. Nesa cidade, Miranda puido manter unha sesión de traballo coas galegas e galegos residentes na zona, para seguir desenvolvendo e adaptando as políticas do seu departamento ás distintos lugares de residencia dos galegos no Exterior.

O secretario xeral reuniuse ademais co coordinador provincial da Federación de Sociedades Galegas en Cuba e cónsul honorario de España en Camagüey, Pedro Valentín Cruz, que é a persoa responsable da rede de información e tramitación que fai chegar a tódalas persoas de orixe galega as achegas e recursos que a Xunta pon ao dispor dos galegos nesa provincia.

Tendo en conta que a inmensa maioría dos residentes galegos en Cuba son xa nados na illa, adquiren especial relevancia os programas sociais que fortalecen os vínculos de estas persoas coa terra de orixe dos seus pais e avós. “Temos que seguir fortalecendo ese vencello das novas xeracións. Para nós, como país, son unha riqueza, o noso mellor activo na internacionalización da economía e na proxección cultural e turística de Galicia. E demograficamente, un interesante valor de futuro”, afirmou Miranda.

Entre as medidas que o Goberno galego pon en marcha para ese fortalecemento, cómpre destacar as ‘Bolsas Excelencia Mocidade Exterior’, creadas este ano e que suscitaron un importante interese entre os paisanos residentes na illa. Con estas bolsas, faise posible que cen titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao ou similar, podan cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas.

Cómpre lembrar que residen arestora na República de Cuba un total de 40.750 galegas e galegos, dos que 40.300 (o 98’9 %) naceron xa na diáspora, pero manteñen unha fonda ligazón persoal e familiar coa terra de orixe. “A grande fortaleza de Galicia no Exterior son as segundas xeracións, resultan de vital importancia para a proxección internacional da nosa terra. Poucos países no mundo contan con ese numeroso e forte equipo que son os fillos e netos da diáspora”, segundo dixo Rodríguez Miranda en Camagüey.

1235 lecturas