Miranda destaca que 1.400 familias galegas en Venezuela beneficiaranse de axudas económicas cunha contía total de máis dun 1M€

O secretario xeral da Emigración participou nun programa especial dos “Conversatorios Qué Vaina!” con motivo do 60 aniversario da Hermandad Gallega de Venezuela.

 O departamento autonómico destinou tamén este ano 150.000 euros para a entrega de medicamentos aos galegos e galegas residentes neste país caribeño.

Imaxe do programa especial emitido co gallo do 60º aniversario da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
Imaxe do programa especial emitido co gallo do 60º aniversario da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou nun programa especial dos “Conversatorios Qué Vaina!” con motivo do 60 aniversario da Hermandad Gallega de Venezuela, no que anunciou que 1.400 familias galegas residentes en Venezuela beneficiaranse este ano das axudas económicas da Xunta cunha contía total dun millón de euros. 

O pasado 12 de outubro a Hermandad Gallega de Venezuela cumpriu 60 anos de existencia, e con este motivo, desenvolveuse este programa vía dixital no que participaron tanto o secretario xeral da Emigración coma o presidente da Hermandad, José Antonio Alejandro González, así como o presidente de la Federación Venezolana de Galicia, Manuel Pérez.

Durante este faladoiro, o secretario xeral de Emigración destacou que a Xunta de Galicia está a traballar para facer máis fácil a calidade de vida das familias nun contexto se cabe aínda máis complexo e difícil que nunca, debido a que, á grave situación económica do país, únese a actual pandemia da covid-19.

Neste senso, agradeceu o labor da Hermandad Gallega de Venezuela e das outras tres entidades de galegas e galegos no país (o Centro Galego de Maracabio, o de Puerto La Cruz e a Hermandad Gallega de Valencia), por ser o vehículo que permite á autonomía galega chegar ata as persoas que máis o necesitan. “O apoio da Xunta de Galicia a estas entidades é o apoio de tódolos galegos aos nosos compatriotas en Venezuela. É o momento de axudarnos como familia que somos, e como tal, Galicia non vai fallar”, engadiu Rodríguez Miranda.

En relación a este apoio, o secretario xeral destacou que as axudas este ano incrementáronse dende as 1.000 do pasado 2019 ata as 1.400 familias, que percibirán en torno aos 800 euros, chegando así a un total de máis de 1 millón de euros.

A maiores, tamén se destinarán 150.000 euros para a entrega de medicamentos en colaboración coa Hermandad Gallega de Venezuela, que será a encargada de distribuílos. “Este ano fixemos un importante esforzo, especialmente, en acadar medicamentos que sabemos son de difícil acceso en Venezuela e moi necesarios, como pode ser a insulina”.

Miranda quixo rematar desexándolle longa vida á Hermandad Gallega de Venezuela e felicitándoa por estes 60 anos “de traballo construíndo pensando nos demais. Coma diría Cunqueiro, mil primaveras máis para unha entidade que é un exemplo e un referente”.

Máis de 11.000 persoas asociadas
A Hermandad Gallega de Venezuela conta na actualidade con máis de 11.000 socias e socios aos que brinda unha importante labor social e lúdica, ofrecendo ás e aos seus membros máis de 19 disciplinas deportivas, 15 agrupacións folclóricas (4 grupos de baile, 2 agrupacións corais, 3 grupos culturais de teatro e dúas bandas de gaitas), así como accións sociais a través da oficina de benestar e asuntos sociais, en colaboración coa Xunta de Galicia. 

O programa pódese escoitar no seguinte enlace: https://venezuelaviva.ga/sociedad/la-hermandad-gallega-es-un-referente-s...

280 lecturas