O prazo de presentación das Bolsas BEME de Emigración para cursar mestrados nas universidades galegas chega ao seu ecuador

Este tipo de bolsa conta cunha axuda autonómica para sufragar viaxe, matrícula, aloxamento e manutención.

A nova liña para o curso 2021/22 permanecerá aberta ata o 30 de abril
A nova liña para o curso 2021/22 permanecerá aberta ata o 30 de abril
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2021.

O prazo de presentación das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) chega ao seu ecuador, xa que a entrega de documentación está aberta ata o 30 de abril. Estas bolsas permiten aos galegos e galegas do exterior poder optar a unha bolsa de axudas para un mestrado dunha das tres universidades da comunidade autónoma para o próximo curso 2021/22.

A bolsa BEME dota á e ao estudante cunha axuda económica que ten como finalidade sufragar a viaxe, matrícula, aloxamento e manutención.

Na actualidade 162 estudantes atópanse realizando un dos 146 mestrados que ofrecen a USC, a UVigo e a UDC xa que algúns das e dos matriculados do ano anterior aínda continúan desenvolvendo os seus estudos que constan de 90 créditos.

A quinta edición supón un novo incremento no número de prazas dispoñibles, pasando das 150 do ano pasado ás 200 para o próximo curso, de cara a paliar as dificultades causadas pola pandemia da covid-19.   

O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros impulsando a captación dun total de 200 tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poderán cursar estudos de máster nalgunha das tres universidades galegas.

Os beneficiarios e beneficiarias deben ser galegos ou galegas por nacemento ou descendentes por consanguinidade, acreditar un mínimo de dous anos de residencia no Exterior e estar admitido na prescrición dalgún dos mestrados das universidades galegas.
 
A Xunta impulsa así o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, pasando das 150 bolsas do pasado curso ás 200 para o 2021/22, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia polas dificultades que poidan existir no exterior a consecuencia da covid-19.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aquelas e aqueles que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumno ou alumna). 

O obxectivo das BEME é non só atraer cada ano cidadás e cidadáns galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todos os beneficiarios e beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre as mozas e mozos residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. 
 

 

781 lecturas