Miranda comparte coa Comunidade Galega de Sao Paulo a “Gran festa de Galicia”

O secretario xeral da Emigración acompañou aos galegos e galegas residentes na metrópole brasileira, e os seus veciños nativos, nesta celebración de confraternidade organizada pola ‘Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao’

  • Miranda comparte coa Comunidade Galega de Sao Paulo a “Gran festa de Galicia”
    Miranda comparte coa Comunidade Galega de Sao Paulo a “Gran festa de Galicia”
  • Miranda comparte coa Comunidade Galega de Sao Paulo a “Gran festa de Galicia”
    Miranda comparte coa Comunidade Galega de Sao Paulo a “Gran festa de Galicia”
Listen to this page using ReadSpeaker
Sao Paulo , 31 de xullo de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participa hoxe nas actividades culturais, sociais e de diversa índole coas que a comunidade galega residente no Brasil quere celebrar os vínculos entre ambas terras, e amosar unha vez máis a súa relevancia na sociedade de recepción. A “Gran Festa de Galicia” está organizada pola ‘Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao’ e pon de manifesto a unidade de acción dos socios e socias das distintas entidades galegas con presenza na zona, e en todo o país.

Segundo destacou Miranda, “a diáspora galega ten amosado, tanto aquí no Brasil como en calquera dos países onde agromou a súa semente, a capacidade de integrarse na sociedade de recepción, pero mantendo ao tempo as profundas ligazóns coa Galicia territorial, e a esencia a cultura e idiosincrasia propias”.

A ‘Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mútuos e Instruҫão’ de São Paulo é unha entidade sen ánimo de lucro creada no ano 1898, que desde 1972 iniciou proceso para aglutinar a outros centros, e que destaca por ser unha das institucións senlleiras no Estado de Sâo Paulo na prestación de servizos á cidadanía española en xeral, e galega en particular, residente na zona.

A entidade conta cun inmoble situado na rúa Ouvidor Portugal de Vila Monumento, que sufriu un serio deterioro tralas choivas torrenciais do pasado ano. Esta situación impediu o normal funcionamento dalgunhas das súas actividades, polo que a Secretaría Xeral da Emigración aprobou daquela axudar á necesaria actuación de emerxencia, grazas ao financiamento achegado coa sinatura dun convenio específico.

Fin de viaxe

Coa participación na celebración da comunidade galega en Sâo Paulo, Miranda finaliza a súa visita ao Brasil, na que visitou e asinou convenios de colaboración con entidades que prestan servizos sociais e sanitarios á comunidade galega en Río de Xaneiro e a súa contorna, e participou na inauguración da ‘Rúa Galicia’ en Niterói, coa que as autoridades brasileiras recoñecen a relevancia histórica e de presente da comunidade galega na República Federativa.

2145 lecturas