Miranda centra a súa terceira viaxe do ano a Venezuela na divulgación das prestacións asistenciais que presta no país e das oportunidades empresariais que ofrece o retorno a Galicia

O secretario xeral da Emigración e o xerente da Oficina de Atracción de Investimentos GaliciaINVEST do Igape, Leopoldo Yeste, celebrarán reunións con empresariado galego interesado en investir na comunidade.

Unha intensa campaña reforzará o traballo de distribución de medicamentos que o Goberno galego está a levar a cabo no país.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe a súa terceira viaxe do ano a Venezuela co foco posto na divulgación tanto dos programas asistenciais que presta ás cidadás e aos cidadáns galegos residente no país, como das posibilidades financeiras e económicas que o retorno a Galicia ofrece ás e aos galegos do país suramericano. O responsable autonómico participará, xunto ao xerente da Oficina de Atracción de Investimentos GaliciaINVEST do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Leopoldo Yeste Sánchez, en varias reunións con empresarias e empresarios galegos interesados en Galicia como escenario de investimentos.

Caracas, Valencia e Maracay son as cidades que visitará Miranda durante esta nova visita a Venezuela, na que tamén porá o foco sobre a atención sanitaria ás e aos galegos residentes no país a través da campaña de distribución de medicamentos posta en marcha por primeira vez o pasado ano pola Secretaría Xeral da Emigración. O obxectivo é intensificar a divulgación deste servizo de apoio que ofrece de xeito gratuíto a Xunta de Galicia, principalmente nas rexións máis afastadas da capital, Caracas, que concentra máis da metade do total de galegas e galegos que hai en Venezuela.

Quinto en cidadás e cidadánsg galegos, primeiro en retorno 
Durante a súa estancia na república suramericana, Miranda manterá diversos encontros coa colectividade nos puntos cunha maior concentración de galegas e galegos para coñecer a súa situación e necesidades de primeira man, e tamén visitará algunhas das oficinas de atención social das entidades galegas en Venezuela coas que colabora o Goberno galego. 

Venezuela é o quinto país que acubilla maior número de cidadás e cidadáns galegos en todo o mundo. A 1 de xaneiro de 2018 eran 40.226 as e os galegos que residían no país, que se ten convertido, ademais, no primeiro en materia de retorno, segundo as últimas cifras oficiais publicadas, elaboradas polo Instituto Nacional de Estadística (INE). Só en 2017 regresaron a Galicia un total de 2.163 emigrantes galegas e galegos ou descendentes con nacionalidade española e inscritos nalgún concello da comunidade.

170 lecturas