Miranda remata á súa segunda visita do ano a Venezuela poñendo o foco sobre os máis de 12.700 galegos e galegas maiores que viven no país

O secretario xeral da Emigración visitou o centro de día da Hermandad Gallega de Venezuela, unha entidade que aglutina 25.000 socias e socios da comunidade autónoma.

O responsable autonómico lembrou a ampliación da partida e a prórroga do prazo de solicitude das axudas individuais para os galegos e galegas do país suramericano.

  • O secretario xeral da Emigración visitou o centro de día da Hermandad Gallega de Venezuela, unha entidade que aglutina 25.000 socias e socios da nosa comunidade autónoma
    O secretario xeral da Emigración visitou o centro de día da Hermandad Gallega de Venezuela, unha entidade que aglutina 25.000 socias e socios da nosa comunidade autónoma
  • Miranda, na Oficina de Atención Social da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
    Miranda, na Oficina de Atención Social da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas
  • O secretario xeral da Emigración tamén asistiu en Caracas á recepción das Fuerzas Armadas españolas
    O secretario xeral da Emigración tamén asistiu en Caracas á recepción das Fuerzas Armadas españolas
  • O secretario xeral da Emigración tamén asistiu en Caracas á recepción das Fuerzas Armadas españolas
    O secretario xeral da Emigración tamén asistiu en Caracas á recepción das Fuerzas Armadas españolas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de maio de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, puxo fin onte á súa segunda viaxe do ano a Venezuela facendo unha mención especial ás galegas e galegos maiores que residen no país, que superan os 12.700, segundo os últimos datos oficiais, publicados con data 1 de xaneiro de 2018. O responsable autonómico aproveitou as últimas horas na república suramericana para visitar, xunto ao director xeral de Migraciones do Ministerio de Empleo y Seguridad Social, Ildefonso de la Campa Montenegro, o centro de día da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, unha entidade que aglutina arredor de 25.000 dos 40.000 cidadás e cidadáns galegos que residen en Venezuela.

Miranda quixo poñer, así, o foco nun dos colectivos máis vulnerables que están a sufrir a situación de inestabilidade que azota o país suramericano. “O Goberno galego é consciente de que gran parte da fortaleza que ten hoxe provén directamente de todos aqueles que, a pesar de deixar a súa terra hai anos, ou mesmo décadas, seguiron profiríndolle un amor inesgotable e un recordo que permanece imborrable, e que ten o seu reflexo en cada recuncho de Galicia. A todos eles -sinalou Miranda-, debémoslles, xa non só a nosa prosperidade económica, senón tamén esa enerxía que fai dos galegos cidadáns universais e exemplos de loita, valor e esforzo na meirande parte dos países do mundo”.  

As e os galegos maiores de Venezuela están a centrar, así, gran parte dos esforzos da Secretaría Xeral da Emigración en materia de axudas. Proba diso é a dotación dunha partida específica de 900.000 euros para axudas individuais para emigrantes galegas e galegos no exterior en situación de necesidade dirixida exclusivamente aos residentes no país suramericano. O prazo de solicitudes vén de ampliarse, ademais, ata o vindeiro día 5 para as e os maiores galegos de Venezuela de xeito excepcional. Esta decisión débese ás especiais circunstancias sociais e políticas concorrentes actualmente en Venezuela, que están a provocar grandes dificultades para que as persoas residentes neste país poidan reunir a documentación necesaria para solicitar as subvencións deste programa, así como para poder achegarse ás entidades colaboradoras habilitadas para axudar e facilitar a presentación electrónica das súas solicitudes. A situación sociopolítica do país está a agravar a situación de escaseza de recursos para a subsistencia, máis en sectores da poboación especialmente sensibles como o formado polas persoas maiores.  

Encontro coa directiva da Hermandad
O secretario xeral da Emigración mantivo, así mesmo, logo do percorrido polo centro de día, unha visita á oficina de atención social da Hermandad Gallega de Venezuela para facer seguimento do programa de axudas e de entrega de medicamentos. A entidade caraqueña é unha das canles máis importantes con que conta o Goberno galego no país para facer chegar as axudas da Xunta aos galegos e galegas con máis necesidades. A continuación, Miranda asistiu á recepción das Fuerzas Armadas españolas.

438 lecturas