Miranda asiste á primeira edición de ‘Galicia Pueblo a Pueblo’, nova iniciativa da colectividade en Sestao para apoiar a proxección exterior de Galicia

A Agrupación Fillos de Galicia impuxo a insignia de ouro ao secretario xeral da Emigración no decurso dunha fin de semana dedicada a Moraña e o seu ‘carneiro ao espeto’.

A alcaldesa da localidade pontevedresa, María Luisa Piñeiro, foi a pregoeira no evento, que contou asemade coa presenza do rexedor local, Josu Bergara.

  • Miranda e Pilar González no acto de imposición da insignia de ouro da Agrupación ao secretario xeral. Ao fondo á esquerda María Luisa Piñeiro e -ao seu carón- Josu Bergara
    Miranda e Pilar González no acto de imposición da insignia de ouro da Agrupación ao secretario xeral. Ao fondo á esquerda María Luisa Piñeiro e -ao seu carón- Josu Bergara
  • Con este evento -que nesta edición tivo como protagonista á localidade pontevedresa de Moraña- preténdese promocionar a nosa terra no País Vasco
    Con este evento -que nesta edición tivo como protagonista á localidade pontevedresa de Moraña- preténdese promocionar a nosa terra no País Vasco
  • Con este evento -que nesta edición tivo como protagonista á localidade pontevedresa de Moraña- preténdese promocionar a nosa terra no País Vasco
    Con este evento -que nesta edición tivo como protagonista á localidade pontevedresa de Moraña- preténdese promocionar a nosa terra no País Vasco
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, foi homenaxeado coa insignia de ouro da Agrupación Fillos de Galicia de Sestao no decurso da primeira edición do “Galicia, Pueblo a Pueblo, Herriz Herri”, iniciativa que pretende contribuír á imaxe exterior da Comunidade Autónoma proxectando e dando a coñecer as tradicións culturais, artísticas, etnográficas e culinarias das distintas vilas galegas entre a poboación da localidade biscaíña e a súa contorna.

Miranda agradeceu a distinción desta colectividade galega, “pero non como un recoñecemento a título persoal, senón como unha homenaxe a tódolos galegos do mundo inseridos en distintas contornas e culturas, que seguen levando a súa terra, Galicia, como bandeira na súa actuación diaria e cotiá”, apuntou o secretario xeral.

Si recoñeceu que “esta insignia implica, e así o asumo, o compromiso persoal e profesional cos galegos e a Agrupación que os representa en Sestao. Aplaudo a súa capacidade de reinventarse, neste tempos de dificultade, mediante novas actividades e iniciativas, que achegarán unha viabilidade aínda mellor, no aspecto económico e social, a esta entidade tan viva e activa”.

Miranda estendeu o seu recoñecemento á presidenta da Agrupación (que o é tamén da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi), Pilar González, “quen sabe materializar proxectos de presente e de futuro, como o demostran os xa 30 anos que ven de cumprir a Irmandade, pioneira nese aspecto fundamental da Galeguidade que é a unión no traballo, a planificación de accións comúns entre as distintas comunidades galegas asentadas nun territorio”. O secretario xeral da Emigración gabou o traballo arreo de González “liderando un centro plenamente vivo, referente da Galeguidade”.

Pregón de Piñeiro
Ademais de Miranda e González, estiveron presentes no acto o alcalde de Sestao, Josu Bergara, e a súa homóloga de Moraña, María Luisa Piñeiro, pregoeira oficial desta primeira edición do Herriz Herri, así como concelleiras e concelleiros de ambas corporacións. A localidade pontevedresa, e concretamente a súa festa do ‘carneiro ao espeto’, foi a protagonista desta primeira celebración popular da comunidade galega en Sestao. O Concello morañés contribuíu achegando diverso material para mellor coñecemento e difusión dos seus atractivos, e tamén grupos folclóricos nos que destacaba a reducida idade das e dos seus compoñentes.

Á parte da presenza morañesa en Sestao e a imposición da insignia a Miranda, esta primeira edición contou con aurresku, txupín e bailes inaugurais, obradoiros infantís, verbena nocturna e charangas, queimada popular, gymkana promovida polo comercio local, pasarrúas, exhibición de esgrima histórica, degustacións gastronómicas, animacións de rúa, cantareiras, ou barracas de festa e atraccións para nenas e nenos, entre outras actividades. Ademais, Andrea Pousa e o Bruxo Queiman presentaron a ópera de pequeno formato “Keltia, O musical”, sobre a historia e tradicións galegas.

A Agrupación
Nos primeiros días do ano 1952, un grupo de galegas e galegos residentes en Sestao formaron a que se denominaría Sociedad Cultural Recreativa Hijos de Galicia, quedando formalmente constituída o 4 de maio dese mesmo ano. Celebraron por primeira vez a festividade do Santiago Apóstolo, que se mantén ata agora como referente local e da contorna. Aos seis anos da fundación, a Agrupación levou a cabo un dos seus proxectos sociais máis ambiciosos, a construción de cen vivendas para as socias e socios máis necesitados, que de feito foron entregadas en 1963. Este grupo de vivendas contaba tamén cun local para escola e unha capela, que máis adiante foi destinada a academia de música, e que usa a asociación para ensaios do coro e do grupo de teatro.

A actividade cultural máis salientable da entidade é a celebración da Semana Cultural que se fai coincidir co Día das Letras Galegas e, desde este ano, destaca o Herriz Herri, se ben ao longo do ano a Agrupación desenvolve múltiplas actividades lúdicas, deportivas, sociais e  culturais. A súa directiva e todo o conxunto da entidade son referentes de traballo intenso, acadando un importante recoñecemento entre a sociedade vasca, e tamén na Galeguidade: a Agrupación é, de feito, membro electo da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas. E a súa máxima mandataria, Pilar González, é tamén presidenta da Irmandade de Centros Galegos en Euskadi.

1677 lecturas