Miranda asina dous convenios que garanten a atención das e dos maiores galegos sen recursos de Bos Aires e Mar del Plata

O secretario xeral da Emigración renovou o compromiso do Goberno galego co Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar e o centro de día do Centro Gallego de Mar del Plata.

O conselleiro e o secretario xeral de Cultura participarán, a continuación, xunto ao responsable de Emigración, na presentación da Estratexia Retorna 2020 ás galegas e aos galegos do país andino.

  • O secretario xeral da Emigración asinou cadanseu convenio para a atención das e dos nosos maiores co Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar e o centro de día do Centro Gallego de Mar del Plata
    O secretario xeral da Emigración asinou cadanseu convenio para a atención das e dos nosos maiores co Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar e o centro de día do Centro Gallego de Mar del Plata
  • Miranda e a presidenta do Centro Gallego de Mar del Plata, María Fernanda Vidal, durante a sinatura do convenio de atención socioasistencial
    Miranda e a presidenta do Centro Gallego de Mar del Plata, María Fernanda Vidal, durante a sinatura do convenio de atención socioasistencial
  • Miranda e o presidente do Hogar Gallego para Ancianos, Bernardo Rey González, durante a sinatura do convenio de atención socioasistencial
    Miranda e o presidente do Hogar Gallego para Ancianos, Bernardo Rey González, durante a sinatura do convenio de atención socioasistencial
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2018.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, renovou en Bos Aires o seu compromiso coas e cos maiores galegos da Arxentina. O responsable autonómico asinou na Delegación da Xunta en Bos Aires dous convenios que permitirán garantir a atención aos usuarios galegos e galegas do Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar e do centro de día do Centro Gallego de Mar del Plata. Reforza, así, a Xunta de Galicia a actuación que vén levando a cabo cos colectivos galegos máis desfavorecidos do exterior a través de colaboracións con entidades galegas nos diferentes países. 

“A implicación das propia colectividade galega nestes programas de axuda é fundamental para detectar os casos máis urxentes e poder, así, ofrecerlles a cobertura asistencial que requiren”, lembrou Miranda. O secretario xeral da Emigración fixo este chamamento ante o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, o presidente do Hogar Gallego para Ancianos, Bernardo Rey González, e a do Centro Gallego de Mar del Plata, María Fernanda Vidal, quen agradeceron ao Goberno galego o seu esforzo polo mantemento da prestación deste servizo ás e aos maiores galegos na Arxentina.

Dúas achegas que suman 50.000 euros
O convenio rubricado co Hogar Gallego de Ancianos de Domselaar, fundado en 1943 por un grupo de galegos logo de que unha anciá ourensá falecera a causa do frío nunha rúa porteña, renovará a contribución da Secretaría Xeral da Emigración coas instalacións situadas a uns 70 kilómetros da capital arxentina. O documento fixa a concesión de 30.000 euros para a prestación de servizos para as e os galegos maiores sen recursos da rexión.

O segundo acordo, do que se beneficiarán os usuarios e usuarias do centro de día do Centro Gallego de Mar del Plata, fundado en 1952, dotará a esta entidade dunha aportación de 20.000 euros por parte do departamento autonómico que dirixe Rodríguez Miranda. 

Charla informativa sobre a Estratexia Retorna 2020
O secretario xeral da Emigración continuará a súa axenda oficial esta tarde cun encontro co secretario de Derechos Humanos y Pluralismo do Goberno arxentino, Claudio Avruj, e coa presentación da Estratexia Retorna 2020 ás galegas aos galegos da Arxentina no Club Español de Bos Aires, na que tamén participarán o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Trala sesión informativa, os representantes autonómicos visitarán a Asociación Civil Gallega Fillos do Porto do Son, en Avellaneda. 

1353 lecturas