Miranda analiza co Centro Galego de Lisboa as dificultades que plantea a actual situación sanitaria no país veciño e planifica o vindeiro 2021

O secretario xeral da Emigración destacou que segundo lle trasladan dende o Centro Galego de Lisboa, a colectividade galega no país lusitano está a atravesar a pandemia nunha situación similar á da nosa comunidade autónoma.

Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede da SXE en Santiago de Compostela
Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede da SXE en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2020.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa colectividade galega de Portugal dentro da rolda de contactos que está a desenvolver nas últimas semanas, e co obxectivo de coñecer a situación actual que están a vivir nestes intres coas restricións aplicadas por mor da actual pandemia da covid-19.

O encontro permitiu ao titular do departamento autonómico analizar co presidente do Centro Galego de Lisboa, Álvaro Moreira Muíños, a situación dos galegos e galegas neste país coa actual situación da pandemia, tendo en conta o agravamento da situación vivido este outono nos países europeos. Na actualidade, as actividades presenciais están moi limitadas e aproveitan todo o posible as de tipo dixital e en liña.  De feito, o centro galego ten abertas as súas portas, pero conta con restrición de aforo seguindo as normas sanitarias impostas en Portugal.

Ademais, Rodríguez Miranda aproveitou o encontro para planificar o traballo con este colectivo para o vindeiro ano, en especial en relación aos cambios que supón no seu desenvolvemento habitual a redución de actividades presenciais que teñen que ser substituídas nalgunhas ocasións por eventos de carácter telemático. 

Deste xeito, os responsables das entidades puxeron en común as súas necesidades e perspectivas de futuro, tendo sempre como obxectivo preservar e difundir a cultura e tradicións galegas, “un esforzo que valoramos enormemente dentro desta época de dificultades e imprevistos que está a xerar a pandemia da covid-19”, engadiu o secretario xeral.

Neste senso, Rodríguez Miranda tamén expuxo as diferentes alternativas e opcións nas que vén traballando a Secretaría para reforzar os vínculos e a colaboración coa entidade galega en Portugal no vindeiro exercicio. “O Centro Galego de Lisboa conta con toda a nosa colaboración para seguir levando adiante as actividades habituais. Somos conscientes de que Portugal está afrontando a crise de xeito bastante efectivo, e de feito, puidemos constatar que a colectividade galega neste país está a vivir a actual situación nunha situación similar a de Galicia”, engadiu.

En Portugal residen actualmente un total de 4.562 habitantes de orixe galega, segundo os datos do Padrón de Españoles Residentes no Estranxeiro (PERE) publicados a data 1 de xaneiro de 2020 polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

643 lecturas