Mensaxe de Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, co gallo do Día Internacional da Persoa Migrante

Mensaxe de Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, co gallo do Día Internacional da Persoa Migrante
Mensaxe de Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración, co gallo do Día Internacional da Persoa Migrante
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2014.

Quixera neste Día Internacional da Persoa Migrante, e a punto de concluír o 14º ano deste novo século, poñer o foco nas metas que o mundo e os seus e as súas habitantes, todas e todos os humanos, nos fixamos para o futuro próximo.

A migración internacional creceu de xeito notable dende o comezo deste século XXI, e calcúlase que na actualidade máis de 230 millóns de persoas buscan en países distintos ao seu novas oportunidades de mellorar a súa vida e desenvolver os seus coñecementos. En outubro de 2013, os Estados membros da ONU adoptaron por unanimidade unha Declaración na que recoñecen a contribución importante da migración ao desenvolvemento, e chaman a unha cooperación máis ampla para afrontar os retos da migración irregular e facilitar un fluxo de persoas seguro, ordenado e regular. A Declaración tamén resalta a necesidade de respectar os dereitos humanos das e dos emigrantes e de promover as normas internacionais de traballo. Ademais, condena de xeito firme as manifestacións racistas e intolerantes e resalta a necesidade de mellorar a percepción pública sobre as persoas emigrantes e a migración.

Son, dende logo, principios que o Goberno galego e, sen dúbida ningunha, todas e todos os galegos de ben da Galicia territorial e Exterior avalan, secundan, aproban, apoian, e poñen en práctica a diario. Porque un ou unha emigrante é, ante todo, alguén que por múltiples razóns deixou o país no que naceu pero que, salvo contadas excepcións, levará sempre no seu corazón e na súa mente.

Así demóstranmo as colectividades galegas en todas as viaxes que realizo, máis de 40 ao longo deste 2014, nas que poñen de manifesto, en canto teñen ocasión, todo o cariño que gardan á súa Galicia natal, aínda cando leven sen pisala décadas.

É este un bo día, como os 364 restantes do ano, para reflexionar sobre este cariño eterno da Galeguidade cara á súa terra, xenuíno nexo de unión fai que que as galegas e os galegos de todo o mundo nos identifiquemos, nos coñezamos e nos recoñezamos, no máis profundo, como un país avanzado aos demais na plena integración das migracións como un fenómeno consubstancial á Humanidade. O que outrora foi dor convértese hoxe nunha riqueza que dá froitos valiosos para poder gozar dunha Galicia Universal.

Ogallá chegue un día no que todas e todos os humanos sexamos capaces de integrar e integrarnos como o fai a Galeguidade en todo o mundo.

1710 lecturas