Marilyn, galegos, Nixon, Fidel

O xornalista Xavier Navaza relata a presenza galega na intrahistoria americana do século XX.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2012.
O mexicano de orixe galega José Bolaños, á dereita de Marilyn Monroe. / Alvarellos editora / Getty images
O mexicano de orixe galega José Bolaños, á dereita de Marilyn Monroe. / Alvarellos editora / Getty images

O condutor que paseou a Elia Kazan por Chicago tras a representación de O rapaz de ouro en 1938 chamábase José Iglesias. Traballaba para o hólding empresarial de Al Capone. A súa estirpe procedía dunha aldea de Silleda e no cemiterio parroquial aínda o recorda unha lápida. Inocencio Ferrer, de Vilamartín de Valdeorras, estableceu o contacto entre Fidel Castro e os propietarios do buque Granma. A bordo del, a guerrilla desembarcou en Cuba e iniciou o proceso que acabaría coa expulsión do ditador Fulgencio Batista e o desencadeamento da revolución. Ao servizo de Richard Nixon, antes, durante e despois da súa estanza na Casa Branca, encontráronse dous oriúndos do Deza, Manuel Sánchez -de Cadrón, Lalín- e a súa dona Fina -de ponte Vilariño, A Golada. Emilio Taboada, con raíces en Láncara, cociñaba os fetuccini favoritos da Monroe en restaurantes de moda de Hollywood. Como as preguntas do obreiro ante un libro que enumeraba Brecht nun célebre poema, estes personaxes tamén compoñen a intrahistoria do século XX. Os que viviron á sombra dos que poboan as enciclopedias. Todos eles, e bastantes máis, conflúen no último libro do xornalista Xavier Navaza (Lalín, 1948), El último amante de Marilyn (Alvarellos Editora).

"Pretende ser unha reportaxe amena, sen máis, que reivindique o orgullo de ser galego, que carallo! ", comenta, a bote pronto, o autor. E cun material cosido a partir dun ano, 1962, e dun home, o guionista de orixe en Burela e nación mexicana José Bolaños, o último amante de Marilyn. "Bolaños foi un alumno de Carlos Velo", explica Navaza, "era de esquerdas, pero gustábanlle os ianquis". Exiliados republicanos, revolucionarios caribeños, xentes do cine, escritores, formaban a paisaxe de México D.F. no que se movía aquel home artisticamente ambicioso, hipnotizado polo neón da Meca do cine, e que anhelaba retomar o proxecto cinematográfico sobre a Revolución Mexicana alí onde Einsenstein o deixara. Entón, o 20 de febreiro de 1962, chegou Marilyn Monroe en busca de mobles estilo colonial para a súa casa de Los Ángeles.

"1962 foi un ano clave, o ano da paranoia, da crise dos mísiles, cando morre Marilyn", contextualiza Navaza, redactor histórico de El correo Gallego. Foi tamén o da fuxida de Marilyn, acosada pola crítica, pola prensa de variedades, por ese fantasma existencial que nunca a abandonou. E nese vórtice, co FBI nos talóns despois dos seus affaires cos Kennedy e as súas relacións con esquerdistas, tropezou co galego Bolaños. "Había mesmo informes do FBI preguntándose quen era ese tal Bolaños". Non só llo preguntaba a policía federal estadounidense: os xornalistas do corazón escandalizábanse porque a actriz se deixase ver en compañía dun guionista vermello, amigo dos vermellos españois.

Naquela travesía, Marilyn Monroe tropezou con algún que outro galego máis. Sobre todo con Carlos Velo. Da man do cineasta de Cartelle e director de Galicia ou Almadrabas, visitou a Luis Buñuel en plena rodaxe de El ángel exterminador. "Buñuel tamén decidira non permanecer en Estados Unidos: o Comité de Actividades Antiamericanas xa estaba a funcionar", relata Navaza. Pero a Bolaños, malia as súas ideas progresistas, si lle gustaba América do Norte. E alí encontraríase por segunda, e última, vez con Marilyn, a quen acompañou a recoller o Globo de Ouro "á actriz máis querida do planeta". A protagonista de Vidas Rebeldes (John Huston, 1961) morreu en agosto daquel crucial 1962. José Bolaños, en 1994, moito tempo despois de abandonar o seu sono de conquistar a fábrica de sonos.

Esta historia inscrita na historia serviulle a Xavier Navaza para reunir nunha crónica do século cine, política e exilio. "En realidade, El último amante de Marilyn é unha secuela de Disparos", considera. Ese libro, publicado en 1991, repasaba as luzadas e intentos de teorizar e poñer en práctica a loita armada como extensión da política de esquerdas en Galicia. Pero o nó entre os dous volumes encóntrase, máis que no narrado, nas fontes orais. "As primeiras pistas sobre José Bolaños déronmas Carlos Velo e Luís Soto, alá a comezos dos oitenta", di. Outros fíos foron aparecendo, asinados por Navaza, en revistas como a efémera Tempo Galego. Ata que este 2012 lle propuxo á editorial conmemorar cinco décadas da morte de Marilyn Monroe situándoa no corazón dunha trama real e atravesada por emigrantes e exiliados galegos. Entón recordou os concisos comentarios de Veo sobre Bolaños: "Non" falaba "moito del, pero cualificábao de 'sedutor'. Había certa reserva, mirábao co receo do profesor ao alumno".

 

Fonte: El País | Foto: El País

703 lecturas