Máis de 1.000 alumnos e alumnas participaron este ano nos 42 obradoiros da Secretaría Xeral da Emigración nas comunidades galegas

O departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda destinou este ano máis de 240.000 euros para accións formativas, e no entorno dos 600.000 para o conxunto de iniciativas enfocadas fundamentalmente á mocidade.

Esta liña de actuación reforza o pulo que o Goberno galego quere dar ao relevo xeracional nas comunidades galegas espalladas por todo o mundo.

  • Clausura do obradoiro de pandeireta e canto celebrado na Sociedade Galega Sementeira de Basilea
    Clausura do obradoiro de pandeireta e canto celebrado na Sociedade Galega Sementeira de Basilea
  • Clausura do obradoiro de pandeireta e canto celebrado na Sociedade Galega Sementeira de Basilea
    Clausura do obradoiro de pandeireta e canto celebrado na Sociedade Galega Sementeira de Basilea
  • Imaxe dun dos obradoiros celebrados en México no Centro Galego da capital azteca na segunda quincena do mes de novembro, impartido polo profesor Alexandre Fernández Castro
    Imaxe dun dos obradoiros celebrados en México no Centro Galego da capital azteca na segunda quincena do mes de novembro, impartido polo profesor Alexandre Fernández Castro
  • Imaxe dun dos obradoiros celebrados en México no Centro Galego da capital azteca na segunda quincena do mes de novembro, impartido polo profesor Alexandre Fernández Castro
    Imaxe dun dos obradoiros celebrados en México no Centro Galego da capital azteca na segunda quincena do mes de novembro, impartido polo profesor Alexandre Fernández Castro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2014.

A Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, realizou en colaboración coas comunidades galegas un total de 42 obradoiros de folclore e artesanía (modalidades de percusión, pandeireta e canto, baile, gaita, e encaixe de palillos), e de cociña galega, impartidos a través das propias  colectividades galegas da diáspora, dos que se teñen beneficiado directamente algo máis dun milleiro de alumnas e alumnos.

Tendo en conta o efecto multiplicador destas accións –por canto o alumnado directo é despois o encargado de espallar estas técnicas e coñecementos entre as e os receptores finais, que son as e os galegos residentes fóra da Galicia territorial-, pódese dicir que decenas de milleiros de persoas se benefician cada ano das accións formativas desenvolvidas por Emigración.

Co orzamento deste ano 2014, a Secretaría Xeral ten destinado para axudas ás Comunidades Galegas encamiñadas a accións formativas especializadas (xornadas, grupos folclóricos, programas de actividades propios de carácter xuvenil, equipamentos) na contorna dos 150.000 euros, aos que cómpre engadir 95.000 para seminarios, xornadas de especialización, e congresos de xuventude galega no Exterior.

Esta liña de actuación compleméntase con outras destinadas á mocidade, tales como o programa ‘Conecta con Galicia’ (para rapazas e rapaces de entre 14 e 18 anos nunha das modalidades, e de 18 a 20 noutra), ‘Campos de Traballo’ (para xoves de entre 20 e 30 anos) ou ‘Escolas Abertas’ nas que, se ben participan persoas de tódalas idades, rexistran un moi maioritario número de rapaces e rapazas menores de 25 anos. A estas accións, no seu conxunto, téñense destinado máis de 350.000 euros.

Por todo o mundo
As accións formativas financiadas por Emigración lévanse a cabo no último terzo do ano, en función da dispoñibilidade do profesorado que imparte e recibe os cursos, e tamén da idoneidade da quincena que dura a formación no país no que se asenta a comunidade galega correspondente. Así, aínda se están a desenvolver os dous cursos finais dos previstos na actual anualidade.

Do total de 42 obradoiros en 2014, e incluíndo os activos arestora, celebráronse 5 de percusión, 5 de pandeireta e canto, 13 de baile galego, 9 de gaita, e 1 de encaixe de palillos, dos correspondentes aos de folclore e artesanía, máis outros 9 da especialidade de cociña galega.

Por lugar de realización, 22 deles impartíronse en América: 6 en Arxentina (nas cidades de Bos Aires –tres-, Mar del Plata, Comodoro Ribadavia e Río Gallegos); 1 en Perú (na cidade de Jesús María – Lima); 5 en Brasil (Río de Xaneiro, Río Vermelho, Santos, Niteroi e Salvador); 2 en Cuba (ambos na Habana); 4 en Venezuela (Caracas, Valencia, Lechería e Maracaibo); 1 en Uruguai (Montevideo); 1 en México (na capital); e os 2 últimos en Chile (Santiago e Viña del Mar).

Outros 7 celebráronse na Europa Central, 4 deles en Suíza (Xenebra, Laussanne, Münchestein, e Basilea) e 3 en Alemaña (Cuxhaven, Frankfurt e Bonn). E, finalmente, os 13 restantes en comunidades autónomas españolas distintas á galega: 6 no País Vasco, 2 en Castela e León, e cadanseu en Navarra, Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana e Illas Canarias.

30 alumnos e alumnas de media
Aínda que a media de asistencia de alumnas e alumnos por curso é de 30, algúns superan esta cifra pola alta demanda existente, pero nunca ata o punto de que a calidade formativa poida resentirse. Así, dos celebrados este ano 2014, o de maior afluencia foi o obradoiro de percusión impartido na segunda quincena de novembro en México D.F., a cargo do profesor Alexandre Fernández Castro e organizado do Centro Galego da capital azteca.

Cómpre salientar a alta capacitación técnica e nivel de compromiso de todo o profesorado dos obradoiros, que contan con ampla experiencia na actividade formativa e, sobre todo, no campo profesional da materia obxecto do curso. Tamén convén destacar que as especialidades nas que a Secretaría Xeral da Emigración colabora son aquelas que sinala precisamente o alumnado a través das comunidades galegas ás que está adscrito.

1149 lecturas