"LUAR" celebra este venres o seu programa número 800

O espazo máis veterano da TVG promete unha edición moi especial ao contar con numerosas sorpresas, actuacións musicais, humor e moitos convidados.

Lucía Pérez, a galega que representará a España en Eurovisión, unha das intérpretes deste venres.

Nos máis de 18 anos en antena, actuaron máis de 8.000 artistas e asistiron unhas 740.000 persoas como público.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2011.

Como todos os venres, Luar acode fiel á súa cita coa audiencia galega. Pero a edición desta semana será moi especial para todo o equipo do programa máis veterano da Televisión de Galicia, xa que festexa o programa número 800.

Con motivo desta celebración tan especial, o equipo de "Luar" quere compartir cos espectadores galegos un programa cheo de sorpresas, música, humor, lembranzas e contar coa presenza de moitos convidados que, dalgún xeito, contribuíron a que Luar permaneza fiel co público galego desde hai máis de 18 anos, outorgándolle amais á TVG o liderado nas medicións de audiencia a maioría dos venres á noite.

Desde o 30 de setembro de 1992, con Xosé Ramón Gayoso á fronte, Luar achegou a todos os espectadores da Televisión de Galicia a música dos mellores artistas nacionais e internacionais do momento, deu pulo á música galega, contando sempre coas actuacións de agrupacións e formacións galegas, e tamén quixo ser a plataforma de lanzamento das novas voces galegas que buscaban un oco no panorama musical. Amais do apartado musical e do humor do programa, en Luar interviñeron tamén presentadoras, actores e actrices moi novos que, hoxe en día, son moi coñecidos no panorama televisivo e cinematográfico no territorio nacional.

Esta noite, como mostra de toda a andaina de Luar, o seu escenario contará, amais dos colaboradores habituais, coa presenza de artistas, presentadores e actores que desexan celebrar con todo o público galego este aniversario tan especial. Algúns destes convidados serán Lucía Pérez, Treixadura, Coral de Ruada, Pili Pampín, Sabela, Leilía, entre outros artistas; as presentadoras Diana Nogueira, Patricia Pérez, Nieves Rodríguez, Uxía Blanco, Helga, Yamilé, Kelly e Sonia López, e os actores Mela Casal e Víctor Fábregas, entre outros.

Os primeiros 800 de LUAR, en cifras
Desde o seu inicio, en 1992, en Luar actuaron máis de 8.000 artistas, agrupacións, corais e humoristas, e máis de 740.000 persoas asistiron como público ao programa en directo.

Cada venres á noite máis de 100 traballadores da TVG fan posible a emisión e realización do programa. Nun reconto das horas de emisión, Luar leva 2.400 horas, o equivalente a 100 días completos.

1845 lecturas