INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Listen to this page using ReadSpeaker

Señor presidente da Real Academia Galega
Señoras e señores académicos
Autoridades presentes
Señoras e señores

No seu Prólogo a la gramática de la lengua castellana, Antonio de Nebrija diríxese á Raíña de Castela para facer unha afirmación que logo faría fortuna. “Una cosa hallo y saco por conclusión muy cierta: que siempre la lengua fue compañera del Imperio”. A sentencia está datada en Salamanca no ano 1492. Hoxe, aquí en Monforte, o 17 de Maio de 2011, podemos dicir que o célebre humanista estaba equivocado. Cinco séculos máis tarde, Galicia é a proba de que son outras as compañas que fortalecen unha lingua.

A mellor compañeira dunha lingua é a liberdade. A liberdade é a patria da lingua, o vencello indestrutible entre o idioma e o pobo, a garantía de que a lingua perdure. Galicia non precisou dun Imperio para preservar o seu máis prezado tesouro.

Foi aloumiñado primeiro polos galegos nas diferentes “noites de pedra”, para resplandecer despois na mañá da democracia. O noso país débelle moito aos que nesa escuridade souberon erguer os fachos que mantiveron aceso o idioma, pero é a liberdade, será a liberdade, a que fará que florezan para el as mil primaveras de Cunqueiro.

Normalizar un idioma non é outra cousa que facelo libre. Compensa manter a irmandade da nosa xente. Compensa apoiar a idea de que os galegos son máis libres ao teren unha lingua libre, na que poden vivir libremente.

Galicia non é un país uniforme. Galicia é un país complexo. Tamén nas súas actitudes lingüísticas. Velaí un feito indiscutible que nos sitúa diante dunha encrucillada urxente.

Podemos en efecto restituír harmonicamente un papel fundamental do galego na nosa vida colectiva, sen que ninguén se sinta excluído. Trátase de que os galegos teñan na súa lingua un punto de encontro, non un motivo de diverxencia. O noso anhelo é propiciar un idioma de maiorías, e para iso requírese unha política lingüística de maiorías, baseada na elección persoal, pero tamén na non discriminación e desde os poderes públicos e desde as institucións na promoción e na protección da lingua propia.

Quero afirmar que os galegos do século XXI non queremos unha lingua-valado, senón unha lingua-ponte. Esa ponte podémola edificar entre todos, con todo tipo de materiais. O que achega o Goberno galego é a continuación dun proceso de normalización que comezou no noso Estatuto de Autonomía e que ve na nosa lingua unha ferramenta de unidade e de futuro. Así feita, será indestrutible, e por ela poderán transitar as futuras xeracións de compatriotas.

Non foron moi diferentes os criterios que inspiraron aos pais da nosa autonomía. Lois Pereiro lévanos da man da súa poesía a aqueles anos oitenta do século pasado, nos que coincidiu unha brillante xeración de creadores, cos primeiros pasos da restitución lingüística. Foi a liberdade a que creou o ambiente acaído ás novas tendencias culturais, á chegada de influencias foráneas.

Lois Pereiro, políglota e cosmopolita, resume a alma daquel tempo nun fragmento fermoso: “Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso, podo decidir militar na miña propia lingua”.

Mentres Lois militaba libremente na súa propia lingua para legarnos unha poesía vangardista e descarnada, Galicia iniciaba libremente unha intensa acción institucional a prol do noso idioma, sendo presidente da Xunta don Xerardo Fernández Albor, acción e compromiso que continuou o presidente Fraga, o presidente Touriño e na que eu estou comprometido. A liberdade é o común denominador da enerxía dos novos creadores, e dos pasos decisivos que naquel tempo se dan en materia de política lingüística. Así pois, é a nosa propia historia recente a que nos ensina que a única patria posible da lingua non é o Imperio como pensaba António de Nebrija, senón a liberdade.

Así ha de seguir sendo no futuro. Señor presidente da Real Academia Galega, señoras e señores académicos, autoridades presentes, alumnas e alumnos deste centro:

Galicia ten poetas como Lois Pereiro. Galicia ten sociedade e institucións de seu. Galicia ten un pobo libre cunha lingua libre. Non hai mellor ferramenta para o futuro.


Moitas grazas.

1083 lecturas