Intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no acto de entrega das Medallas Castelao 2023

Entrega das Medallas Castelao 2023
Entrega das Medallas Castelao 2023
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2023.

Moitas grazas aos cinco premiados e premiadas por aceptar esta inmensa honra. Para o Goberno galego foi un honor nada sinxelo discernir entre os moitos merecentes destas medallas, e coido que acertamos plenamente.

Como sucede tantas veces na nosa terra, plena de pasado, presente e futuro, o 28 de xuño é unha data na que se dan a man a historia e o momento actual de Galicia.
 
Celebramos o plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía, que marcou un fito fundamental na longa loita a prol do noso autogoberno.
 
Tamén foi un 28 de xuño, xa nunha España democrática e nunha Galicia dotada de autonomía, cando os restos de Alfonso Rodríguez Castelao foron repatriados para quedar con nós “sempre xa en Galicia”.
 
Ademais do seu significado histórico, estes dous feitos pasan a formar parte do patrimonio común dos galegos. É un pasado que non nos enfronta; senón que nos une. É unha memoria que, lonxe de avivar disputas, incrementa un orgullo  que ten que ser necesariamente compartido.
 
Aquel Estatuto pioneiro sérvenos para lembrar que o logro pleno da autonomía é unha longa peregrinación, con etapas que foron doces pero tamén con etapas que foron certamente amargas, na que participaron moitas xeracións de galegos de toda condición e convicción. Todos eles viron no autogoberno un fogar que protexe, un fogar que acolle e un fogar que estimula. E a Galicia do 2023 dálles a razón.
 
Alfonso Rodríguez Castelao non pode ser a referencia exclusiva dunha ideoloxía concreta, ten que acadar, acadou e o vai manter sempre, a categoría de heroe cívico de toda unha comunidade e, polo tanto, é algo que fortalece a unidade.
 
A fe de Castelao en todo o pobo galego é correspondida coa presenza constante do noso artista, intelectual e político como símbolo común desa Galicia sempre agradecida aos seus devanceiros.
 
O espírito que animou o Estatuto de 1936 e as conviccións galeguistas de Castelao están hoxe aquí máis presentes ca nunca. Inspiran todas as palabras ditas e inspiran tamén a traxectoria dos galardoados e galardoadas, desta edición, de todas as anteriores e de todas que quedan por vir.
 
Ese camiño común chamado Galicia que entón foi unha aspiración, un desexo, un horizonte, existe e construímolo entre todas e todos. Ese camiño discorre nos nosos días en medio de problemas e incertezas que, en realidade, nunca estiveron ausentes do acontecer histórico, independentemente da época en que nos situemos.
 
Non podemos elixir o mundo no que Galicia se desenvolve. Pero si está nas nosas man propoñer respostas axeitadas para os desafíos que enfrontemos. A autonomía é símbolo de dereitos, pero tamén de deberes e responsabilidades. Danos capacidade para ser moito máis protagonistas do noso destino, e a cambio obríganos a non esquivar, senón afrontar e solucionar, os retos que a realidade nos pon por diante.
 
Galicia é unha democracia madura. E o pobo galego é un pobo maduro. Galicia e o seu pobo saben que unha comunidade, unha economía, unha sociedade se fan solucionando problemas e aproveitando oportunidades.
 
Como todos os anos, esta celebración serve para decatarnos de que ese pobo xenérico componse de persoas concretas -de moitas e variadas persoas concretas- que teñen nomes, apelidos, biografías e sentimentos e formas de enfocar a realidade moitas veces distintas. Con cada edición das Medallas Castelao evidénciase que o gran segredo de Galicia é a xente; a xente que permanece unida no esencial, a pesar das diferenzas evidentes que poida haber entre nós.
 
O noso desenvolvemento de Galicia non ten outra explicación que a laboriosidade e o emprendemento da xente. O florecemento cultural nace da creatividade do galegos. E o nivel que acadan os servizos públicos galegos, son consecuencia do esforzo de profesionais, traballadores e xestores; en suma, de toda a xente.
 
Existe un novo Rexurdimento que xa non afecta só á literatura, senón que abrangue todos os aspectos; todos os da actividade cotiá, os da actividade dos que aquí vivimos. Galicia vive un Rexurdimento da xente, coa xente e grazas á xente.
 
Un Rexurdimento patente nas palabras que escribe Ledicia Costas, coas que proxecta a nosa literatura galega, aquí en Galicia, e tamén a lectores doutras moitas linguas e culturas. Dela dixo algún xurado que posúe un “humor arrepiante”. Ten esta escritora nosa, premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil, un nome que parece predestinala con moita eficacia a facer felices os seus seguidores.
 
Estou seguro de que se Eduardo Pondal e Pascual Veiga puideran manifestarse hoxe de novo, estarían de acordo en que Galicia ten un himno oficioso. Foi pensado e cantado moitas veces por Siniestro Total. Titúlase Miña terra galega, e con acordes que versionan o Sweet home Alabama é todo un resumo, en primeiro lugar, da movida galega, pero tamén un xenuíno produto galego de Galicia calidade, que recolle elementos culturais de moitos sitios para facer identidade propia; exactamente o que é Galicia. O resultado é unha “Galicia total” no eido musical, que é o que representa en gran parte Siniestro Total.
 
Susana Rodríguez Gacio atesoura medallas reais e simbólicas. Unhas gañounas como triatleta nas pistas, e outras recíbeas todos os días de pacientes agradecidos polo seu esforzo e afán de superación. Houbo para ela olimpíadas e campionatos, e tamén loitas nas que se enfrontou a adversarios moi perigosos, xa que foi unha loitadora máis -como todos os profesionais sanitarios- durante a pandemia. Grazas á revista Time, converteu a unha galega loitadora no símbolo de moitas persoas loitadoras que superaron dificultades por todo o mundo. Nela vemos un exemplo da Galicia que nunca se rende.
 
Lino de Prado resume esa biografía humana e empresarial de tantos galegos que saíron fóra a trunfar e nunca se esqueceron da súa terra. Isto é algo que nos distingue moito aos galegos. Poderíamos definir a súa intelixencia como nada artificial e moi natural, que sae do instinto humano, de superación, de supervivencia; sempre mirando cara a diante.
 
Sabemos captar culturas, maneiras de pensar, estilos de vida diferentes, sabemos facelos nós, sen esquecer nunca de onde vimos e o que somos. Niso reside unha das claves do éxito de emprendedores como Lino de Prado e como tantos outros que foron polo mundo adiante, a México, a Latinoamérica e a tantos países da Galicia exterior.
 
Falabamos antes de que a historia de Galicia é a historia de moitos éxitos protagonizados por xente concreta que é protagonista directa o noso rexurdimento en diferentes campos e actividades. Un caso do que nos podemos sentir especialmente orgullosos por todo o que representa de loita e de dureza é o caso da sanidade pública, da investigación médica, e do oncólogo que hoxe premiamos.
 
É un premio primeiro a súa traxectoria persoal que é moi meritoria, e a toda esa xente que loita todos os días por darlle esperanza a tantas persoas e tantas familias. Á figura do oncólogo Rafael López, xefe de Oncoloxía do CHUS, debémoslle moitos dos avances producidos nos últimos tempos. Sen esquecer nunca o factor humano e persoal na relación cos doentes. Posúe ademais a virtude de combinar sabedoría clínica, con humanidade e con pedagoxía, tan necesaria nestas situacións. Sabe transmitir e facer que os profanos nos sintamos implicados en todo o que fan e converten estas situacións tan duras en un pouco máis comprensibles e esperanzadoras.
 
Por tanto, poderiamos dicir destes cinco premiados e premiadas -xunto cos anteriores e os que estean por vir- que son galegos e galegas que marcan un compás que sempre mira cara ao Norte, cara arriba, a onde debemos mirar sempre. Teñen historias de persoas teimosas e con talento, que saben o que teñen entre mans e que están moi orgullosas do que fan e de que todos nos poidamos beneficiar, dun xeito ou outro, da súa actividade. Viven e traballan nunha comunidade propicia para éxitos persoais que acaban converténdose en éxitos colectivos. Somos unha terra propicia para todo iso, pola nosa tolerancia que nunca debemos perder; pola nosa capacidade de apertura a outras terras, culturas e maneiras de ver as cousas; e sobre todo, polo noso desexo de estar presentes no mundo, compartindo moitas cousas, pero cunha entidade propia da que nos sentimos orgullosos.
 
Galicia ten nestes cinco premiados e premiadas moitos motivos para estar orgullosos e para dicir que seguimos estando de moda. Galicia está de moda, en todos os bos sentidos que significan estas palabras, grazas a moitos galegos e galegas dos que estas cinco persoas son perfectos exemplos.
 
Moitas grazas por aceptar esta honra en nome de todo o pobo galego e a seguir traballando e facendo as cousas igual de ben como de agora e, se pode ser, un pouco mellor.

123 lecturas