Inaugurado en Rosario (Arxentina) o ciclo "Cinemas de Galicia"

O Delegado da Xunta salientou este luns que os sete filmes levarán a imaxe da Galicia actual pola xeografía arxentina.

A Decana da Facultade de Arquitectura da Universidade Nacional de Rosario apuntou que a iniciativa “fomenta o multiculturalismo”.

Trátase dunha actividade itinerante organizada polo Consorcio Audiovisual en colaboración coa Delegación do Goberno galego en Bos Aires.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, e a Decana da Facultade de Arquitectura, Planeamento e Deseño da universidade Nacional de Rosario, Isabel Martínez de San Vicente, deron comezo este luns ao ciclo Cinemas de Galicia, que se proxectará ata o domingo na capital da provincia de Santa Fé.

Cinemas de Galicia é unha iniciativa conxunta do Consorcio Audiovisual de Galicia e da Delegación do Goberno galego en Bos Aires para contribuír á internacionalización e á difusión da imaxe dos produtos da industria audiovisual galega e achegalos á cidadanía arxentina e chilena. Ao longo deste ano, cidades como Comodoro Rivadavia, Mar del Plata, Coronel Dorego, A Plata, Trelew, Porto de San Xulián, Santiago de Chile, Valparaíso, Bahía Blanca e Río Gallegos ofrecerán de balde e con acceso libre os sete títulos incluídos na programación desta actividade. Así, poderán verse os filmes A noite que deixou de chover, Celda 211, De profundis, Eloxio da distancia, O Bosque animado, Pradolongo e Retornos.

Segundo expuxo López Dobarro na súa intervención na inauguración do ciclo, “estes filmes levarán as imaxes, as producións e a cultura galega máis actual pola xeografía arxentina e chilena”. “Estes títulos, especialmente seleccionados para amosar os diversos xéneros nos que traballa o audiovisual galego a un público como é o do interior de Arxentina e Chile que habitualmente non ten acceso a el”, argumentou.

Alejandro López Dobarro salientou o pulo do sector audiovisual galego. Nomeadamente, referiuse ao ano 2008, “que pode considerarse un fito” neste eido da produción, “coa estrea de 11 longametraxes entre os que destacan filmes como Celda 211, gañadora de 8 premios Goya dos 16 aos que estaba nominado”. Do mesmo xeito, apuntou á animación galega “que, tanto en longametraxes coma en curtas, están a ser recoñecida a súa calidade a través de múltiples premios concedidos tanto en España coma no estranxeiro”.

Pola súa banda, a Decana da Facultade de Arquitectura agradeceu á Xunta de Galicia ter achegado este ciclo de cine á institución e puxo de releve que “estas iniciativas contribúen a manter o multiculturalismo no que foi edificada a sociedade arxentina”. No acto deste luns, tamén participaron o presidente do Centro Gallego de Rosario, Ladislao Picallo Durán, asociados e alumnos da Facultade de Arquitectura, así como público en xeral.

 

Foto: www.celda211.com

1172 lecturas