A fusión das gastronomías alemá e galega, eixo da estancia de "Galicia, Pórtico Universal" en Núremberg, que coincide coa ‘Blaunacht’

A área expositiva sobre a actualidade e a calidade galegas estará presente na cidade alemá durante a ‘noite azul’, na que abren museos e outras instalacións culturais. 

Visitando por terceira vez en Alemaña a iniciativa das comunidades galegas de todo o país, a instalación contará coa presenza de especialistas en turismo, artesanía e gastronomía. 

Este sábado recibe ao secretario xeral da Emigración, quen tamén se achegará nesta viaxe para coñecer as comunidades galegas de Troisdorf e Bonn. 

  • Imaxe da instalación de ‘Galicia, Pórtico Universal’ na Jakobsplatz (Praza de Santiago) de Núremberg
    Imaxe da instalación de ‘Galicia, Pórtico Universal’ na Jakobsplatz (Praza de Santiago) de Núremberg
  • Imaxe da instalación de ‘Galicia, Pórtico Universal’ na Jakobsplatz (Praza de Santiago) de Núremberg
    Imaxe da instalación de ‘Galicia, Pórtico Universal’ na Jakobsplatz (Praza de Santiago) de Núremberg
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de abril de 2015.

A área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’ visita a cidade alemá de Núremberg desde hoxe e ata o vindeiro domingo, co que arrinca o seu calendario internacional para 2015, tralo éxito do seu paso por Burgos. Como sempre que se instala nunha cidade, faino por propia iniciativa das comunidades galegas da zona, neste caso da Coordinadora Federal das Asociacións Galegas en Alemaña, en colaboración coa Xunta de Galicia.

O paso por Núremberg coincide ademais coa celebración do Día de Galicia este sábado, día 2 de maio, por parte das nove entidades integrantes da citada Coordinadora, e tamén coa Blaunacht (Noite azul), similar á ‘Noite en Branco’ doutras cidades europeas, na que abren os museos e boa parte doutras instalacións culturais e tamén comerciais.

Así, espérase que miles de persoas saian á rúa para gozar das atraccións da cidade, e por tanto achéguense a coñecer a área expositiva sobre Galicia, tendo en conta que a súa localización non pode ser máis céntrica, en pleno corazón do centro histórico de Núremberg. Ademais, atópase instalada na Jakobsplatz (Praza de Santiago), fronte á Jakobskirche (Igrexa de Santiago), na ruta que a ruta xacobea traza por terras alemás.

Ademais, durante esta xornada do 2 de maio, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, realizará unha visita á propia área, despois de que na xornada previa visite o Club Galicia de Bonn, e o Grupo Cultural Galego de Troisdorf.

Mestizaxe culinaria
‘Galicia, Pórtico Universal’ é unha liña de actuación posta en marcha en 2013 e que quere dar a coñecer a Comunidade Autónoma galega ás e aos cidadáns doutras Comunidades e países, xerando actividades de interese, participativas e lúdicas para a poboación das zonas nas que se asentan as comunidades galegas. A iniciativa pretende cristalizar o afán de colaboración das galegas e galegos de fóra do territorio para a promoción e difusión da terra da que son orixinarios.

A área “supón un magnífico expoñente de coordinación entre distintos departamentos dunha mesma Administración, e tamén entre varias administracións, mediante o cal se coopera e multiplícase o efecto, optimizando así os recursos", segundo destacou na súa inauguración Rodríguez Miranda.

‘Galicia, Pórtico Universal’ é unha infraestrutura sinxela e moi versátil que inclúe unha exposición de artesanía galega, unha mostra de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, unha demostración en vivo dunha actividade artesá galega, área de información de turismo, e unha aula profesional de catas. Ademais, incide no principal referente turístico e de proxección exterior de Galicia como é o Camiño de Santiago, un dos leit motiv da área.

Inclúe ademais un punto de venda de produtos amparados polos consellos reguladores de produtos agroalimentarios con denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa, e como novidade, estrea este ano Centro de Negocios. Tamén cabe destacar que a súa aula especializada contará coa presenza dun dos cociñeiros galegos galardoados este ano cunha estrela ‘Michelin’ e dous soles ‘Repsol’, que será un dos protagonistas no eixo catalizador desta terceira visita de ‘Galicia, Pórtico Universal’ a Alemaña: a fusión entre as cociñas deste país e a galega. A mestizaxe de ambas gastronomías, a través dos puntos comúns e tamén das diferenzas que marcan cada personalidade culinaria, será obxecto de estudo para as e os especialistas na materia que se dean cita na área expositiva.

Éxito
En total, a instalación hoxe presentada recibiu xa máis de cen mil visitantes, sesenta mil das e dos cales se achegaron durante o ano 2014 a coñecela e gozala en Barcelona, Hamburgo, Vitoria, Córdoba (de Andalucía) e Bos Aires, primeira vez que daba o salto alén do Atlántico. No seu primeiro ano de funcionamento, 2013, ‘Galicia, Pórtico Universal’ xa fora visitada por máis de corenta mil persoas en Frankfurt, País Vasco (Santurce), Sevilla e Barcelona. A área xerou ata a data máis de 150 aparicións en prensa escrita, radios e televisións nacionais e estranxeiras, e 1.700.000 impactos en redes sociais. Ao mesmo tempo, máis de 1.300 especialistas participaron activamente nas accións promocionais de produtos galegos.

Na súa primeira instalación en 2015, na cidade castelá de Burgos, a área xa foi visitada por 11.900 persoas. Tras o seu paso por Núremberg, áreas expositivas sobre a calidade dos produtos galegos teñen xa confirmada a súa presenza, sempre da man das comunidades galegas deses enclaves, en Londres, en Lisboa, e na segunda edición de “Bos Aires celebra Galicia”, prevista para outubro.

1536 lecturas