Abre as súas portas en Burgos "Galicia, Pórtico Universal", un percorrido polos múltiples expoñentes actuais da calidade galega

Na inauguración oficial estiveron presentes a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e, por parte do consistorio municipal, o alcalde Javier Lacalle.

A iniciativa, que comeza o seu terceiro ano de andaina na cidade castelá, é froito da colaboración entre as comunidades galegas asentadas fóra do territorio e a Administración autonómica galega.

  • De esquerda a dereita: o alcalde de Burgos, a conselleira de Medio Rural e do Mar, o secretario xeral da Emigración e o presidente do Centro Galego en Burgos
    De esquerda a dereita: o alcalde de Burgos, a conselleira de Medio Rural e do Mar, o secretario xeral da Emigración e o presidente do Centro Galego en Burgos
  • Na imaxe: Lacalle, Quintana e Miranda nun momento da presentación do 'Galicia Pórtico Universal' en Burgos
    Na imaxe: Lacalle, Quintana e Miranda nun momento da presentación do 'Galicia Pórtico Universal' en Burgos
  • Imaxe da presentación na Área expositiva de Galicia (sita na Praza de España da cidade de Burgos) do Galicia Pórtico Universal
    Imaxe da presentación na Área expositiva de Galicia (sita na Praza de España da cidade de Burgos) do Galicia Pórtico Universal
Listen to this page using ReadSpeaker
Burgos / Santiago de Compostela, 17 de abril de 2015.

A conselleira do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, Rosa Quintana Carballo, o secretario xeral de Emigración da Administración autonómica, Antonio Rodríguez Miranda, e o alcalde de Burgos, Javier Lacalle, inauguraron esta mañá na Praza de España desa cidade a área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’, que achega as múltiples facetas que exhibe a calidade galega actual aos veciños e veciñas da localidade ata este próximo domingo día 19.

Trátase dunha infraestrutura sinxela e moi versátil que inclúe unha exposición de artesanía galega, unha mostra de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, unha demostración en vivo dunha actividade artesá galega, área de información de turismo, e unha aula profesional de catas.

Inclúe ademais un punto de venda de produtos amparados polos consellos reguladores de produtos agroalimentarios con denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa, e como novidade nesta visita a Burgos, estrea o seu Centro de Negocios. Tamén cabe destacar que a súa aula especializada contará coa presenza dun dos cociñeiros galegos galardoados este ano cunha estrela ‘Michelin’.

Colaboración da diáspora
‘Galicia, Pórtico Universal’ é unha liña de actuación posta en marcha en 2013 e que quere dar a coñecer a Comunidade Autónoma galega ás e aos cidadáns doutras Comunidades e países, xerando actividades de interese, participativas e lúdicas para a poboación das zonas nas que se asintan as comunidades galegas, e que neste 2015 comeza a súa andaina en Burgos.

A presenza en Burgos, coa que arrinca o seu calendario para 2015, coincide co vixésimo aniversario do Centro Galego da cidade, e coa celebración do XXII Día de Galicia en Castela e León, que de maneira rotatoria ten lugar cada ano nalgunha das cidades da rexión que contan con comunidade galega asentada.

Entre os eventos programados para esta efeméride, ademais da presenza de ‘Galicia, Pórtico Universal’, cabe destacar que se porá en escena no Teatro Clunia o espectáculo ‘Galicia, Camiño de Santiago’ do Bruxo Queiman e Andrea Pousa, cuxa recadación íntegra destinarase ao Banco de Alimentos burgalés. Ademais, esta noite de venres, e no Teatro Principal, ten lugar outro concerto solidario organizado polo propio Centro Galego, e a cargo do grupo Foles e Ferreñas e o Orfeón Burgalés.

A iniciativa pretende cristalizar o afán de colaboración entre as comunidades galegas de fóra do territorio coa propia Administración galega, e tamén coas administracións locais dos lugares con colectividades galegas, e que conta no caso de Burgos co firme apoio das autoridades da cidade.

32 selos de calidade
A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou neste acto que os galegos e as galegas residentes no exterior son “os mellores embaixadores que pode ter Galicia”, porque son “quen mellor coñecen os nosos produtos e as súas calidades”. Engadiu que a cidade de Burgos é o mellor marco para promover as producións agroalimentarias e do mar de Galicia, lembrando que foi durante séculos “parada e fonda de millóns de peregrinos que percorreron o Camiño Francés cara a Santiago”.

Rosa Quintana destacou tamén que “coa súa visión cosmopolita e vocación universal”, Burgos constitúe “o mellor escenario para presentar esta orixinal experiencia que suma gastronomía, turismo e artesanía”. A titular de Medio Rural e Mar sinalou ademais que “Galicia é hoxe una das mellores tendas gourmet de España, como o acreditan as 32 marcas de calidade diferenciada. Unha riqueza que -dixo- temos que coidar, consentir e fomentar porque, entre outras razóns, miles de familias desenvolven a súa actividade no sector primario”.

Referíase Quintana a que Galicia conta con 32 denominacións de orixe e indicativos xeográficos protexidos, o que dá conta da alta calidade da produción agraria e marítima da nosa Comunidade, e de ata que punto o sector primario, agora modernizado e competitivo ao máis alto nivel, supón un importante referente na economía galega.

Coordinación
Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, destacou o feito de que sexan as comunidades galegas asentadas fóra do territorio as que, coincidindo con algún evento destacado, colaboren coa Xunta de Galicia para dar a coñecer  aos seus conveciños e conveciñas as múltiples facetas da calidade actual galega, “actuando como auténticos embaixadores naturais da Galicia territorial”.

Tamén destacaron ambos altos cargos o feito de que a área supón un magnífico expoñente de coordinación entre distintos departamentos dunha mesma Administración, e tamén entre varias administracións, mediante o cal se optimizan os recursos. Unha coordinación da que todos os actores poden extraer experiencias interesantes, como é o caso doutra experiencia conxunta, o Camiño de Santiago.

Estoutro e importante fío condutor do todo o norte peninsular converteuse en elemento integrador da irmandade entre todas as rexións que atravesa a milenaria ruta xacobea, “e nun proceso dinamizador e renovador para afrontar os novos retos e oportunidades que se nos presentan”, segundo sinalou o secretario xeral de Emigración na inauguración da área expositiva.

Cen mil visitantes
En total, a instalación hoxe presentada recibiu xa máis de cen mil visitantes, sesenta mil das e dos cales se achegaron durante o ano 2014 a coñecela e gozala en Barcelona, Hamburgo, Vitoria, Córdoba (de Andalucía) e Bos Aires, primeira vez que daba o salto alén do Atlántico. Na capital arxentina, participou no evento ‘Buenos Aires celebra Galicia’, que supuxo un importante éxito de organización e participación a pesar dunha climatoloxía adversa, e que sorprendeu ás propias autoridades locais.

No seu primeiro ano de funcionamento, 2013, ‘Galicia, Pórtico Universal’ xa fora visitada por máis de corenta mil acodes en Frankfurt, País Vasco (Santurce), Sevilla e Barcelona. A área xerou ata a data 150 aparicións en prensa escrita, radios e televisións nacionais e estranxeiras, e 1.700.000 impactos en redes sociais. Ao mesmo tempo, máis de 1.300 especialistas participaron activamente nas accións promocionais de produtos galegos.

Mercé ao éxito conseguido pola iniciativa ao longo de 2013 e 2014, o Goberno galego pretende dar empuxe a ‘Galicia, Pórtico Universal’ con visitas a outras cidades destacadas do ámbito nacional e internacional, e era a súa intención que neste percorrido de 2015 comezásese por Burgos, pola súa traxectoria de colaboración coa comunidade galega, pola súa relevancia económica en todo o norte do país.

Tras a súa visita á cidade castelá, áreas expositivas sobre a calidade dos produtos galegos teñen xa confirmadas presenza ao longo de 2015 na localidade alemá de Nuremberg, en Londres, en Lisboa, e na segunda edición de ‘Buenos Aires celebra Galicia’, prevista para outubro.

1301 lecturas