A Fundación Galicia Europa convoca o concurso fotográfico “Galeg@s: cidadanía activa”

Poden participar os afeccionados á fotografía nados ou residentes en Galicia maiores de 18 anos.

O prazo estará aberto ata o 17 de xuño.

Listen to this page using ReadSpeaker
9 de maio de 2011.

A Fundación Galicia Europa convoca por terceiro ano consecutivo o seu certame fotográfico, neste 2011 sobre as diversas formas de participación social na nosa comunidade baixo o título Galeg@s: cidadanía activa, unha temática ligada ao Ano Europeo do Voluntariado 2011. O prazo para a presentación de imaxes ábrese hoxe, Día de Europa, no que se conmemora a declaración de Robert Schuman que sentou hai 61 anos as bases da Unión Europea.

Os fotógrafos afeccionados galegos ou residentes en Galicia maiores de 18 anos poderán presentar ata o 17 de xuño unha única instantánea, en cor ou branco e negro, que xire arredor dun destes catro eixes:

- Asociacionismo xuvenil: implicación da mocidade galega nos asuntos sociais.
- Voluntariado: actividades que redunden no benestar das nosas comunidades.
- Ecoloxismo: accións encamiñadas á defensa e conservación do medio ambiente.
- Valores democráticos: actos de rexeitamento da violencia, de solidariedade cos desfavorecidos…

Un xurado composto por persoas do mundo da imaxe e da cultura elixirá unha serie de obras finalistas de entre as cales seleccionará tres gañadoras, ás que se concederán premios por valor de 500, 300 e 200 euros. Este conxunto de imaxes formará parte dunha exposición que organizará a FGE unha vez coñecido o fallo.

Semana de Europa
A convocatoria deste concurso pon fin a unha semana durante a que a Fundación Galicia Europa impulsou diferentes actividades coas cales a nosa rexión, coma toda a Unión Europea, celebra aquel 9 de maio de 1950 no que a Declaración Schuman supuxo a primeira pedra da Europa comunitaria.

A semana de conmemoración comezou o pasado luns co acto no que 50 alumnos de primaria dos colexios Sagrado Corazón e Manuel Rivero de Lalín compuxeron un crebacabezas xigante dos 27 Estados membros. Así mesmo, o sábado día 7, na Xornada de Portas Abertas das institucións comunitarias, Galicia tivo un stand no Comité das Rexións para dar a coñecer en Bruxelas a nosa comunidade. Igualmente, realizouse un acto institucional cunha declaración e izado da bandeira da UE na sede da Xunta de Galicia.

Máis info en www.fundaciongaliciaeuropa.eu

1217 lecturas