A Fundación Galicia Europa aluga parte do seu espazo en Bruxelas á Rede Europea de zonas de pesca

A sinatura deste acordo permitirá ingresar á Fundación uns 25.000 euros anuais.

Esta medida complementa a redución do cadro de persoal e de salarios decidida no mes de decembro no padroado da Fundación.

Listen to this page using ReadSpeaker

Fundación Galicia EuropaA Fundación Galicia Europa vén de decidir alugar parte das instalacións da súa sede en Bruxelas á Rede Europea de zonas de pesca (Farnet, Fisheries Area Network), a partires do mes de marzo, o que lle permitirá ingresar arredor de 25.000 euros anuais.

O contrato de aluguer entre a Fundación Galicia Europa e Farnet asinarase cunha duración de tres anos. A superficie alugada a Farnet é de 130 metros cadrados de uso exclusivo e compartiranse uns 200m² que comprenden a sala de reunións, aseos, cociña, vestíbulo e local para o servidor.

Tendo en conta as especificidades de Galicia -potencia pesqueira a nivel europeo- e a conxuntura actual, a oportunidade de situar á Rede Farnet nas instalacións da Fundación resulta idónea. Nese sentido, o director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, destacou que a próxima incorporación da Rede Europea de Zonas de Pesca á Fundación Galicia Europa suporá dar unha maior visibilidade e valor engadido á sede en Bruxelas, coa posibilidade de establecer frutíferos vínculos de cooperación e complementarse no importante traballo diario da posta en marcha de proxectos líderes de diversificación económica nas zonas costeiras.

Na derradeira reunión do Padroado da Fundación celebrada o pasado 19 de decembro, acordouse reducir a estrutura de persoal da Fundación, así como minorar o salario dos seus traballadores e traballadoras, o que supuxo para o orzamento da Fundación un recorte de más de 17.000 euros. Ademais, a FGE, reduciu gastos tamén en amortización previstas de prazas vacantes, que supuxeron un aforro de case 180.000 euros. Polo que con estas dúas medidas xa postas en marcha pola Fundación, recortáronse case un 30 por cento os custes en postos de traballo en relación co ano 2011.

Farnet é un organismo establecido pola Comisión Europea para asesorar na implementación das medidas europeas no desenvolvemento sostible das zonas de pesca, que busca promover un desenvolvemento local sustentable, baseado na participación de todos os axentes das zonas costeiras, que son os que deseñan as medidas que eles mesmos consideren prioritarias para as súas zonas e que quedarán plasmadas nun Plan Estratéxico Zonal.

520 lecturas