A Fundación Galicia Emigración convoca o concurso de debuxo infantil "O camiño da migración"

A Fundación Galicia Emigración convoca o concurso de debuxo O Camiño da migración orientado a alumnos de 5º e 6º de Primaria.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Fundación Galicia Emigración- en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria- convoca o concurso de debuxo O Camiño da migración orientado a alumnos de 5º e 6º de Primaria.

A fin última é fomentar a interculturalidade e o respecto a diferenza, sen discriminación algunha, a través dunha manifestación artística como é a pintura. Así, recollerase a propia visión dos alumnos participantes sobre a convivencia entre persoas de diferentes países, razas e culturas como forma de enriquecernos, vencellado á idea de persoas “en Camiño”.

A través deste concurso búscase vincular ao Camiño de Santiago cos movementos migratorios, tendo en conta que o camiño de Santiago foi o comezo da integración do territorio peninsular en Europa.

Bases
Todos os debuxos serán orixinais e poderán realizarse con calquera material e técnica. Ademais no debuxo hai posibilidade de incluír o texto que se considere alusivo á temática do concurso. As creacións serán inéditas, e non poden ter obtido premios ou accésits noutros certames.

A recepción dos debuxos farase na sé da Fundación Galicia Emigración- Rúa do Vilar, nº. 15. Santiago-, ata o próximo 13 de abril.

Os debuxos serán premiados de acordo coas seguintes categorías; catro primeiros premios: consistentes cada un deles nunha bicicleta; catro segundos premios: consistentes cada un deles en dúas entradas para o espectáculo “Saltimbanco” de O Circo do Sol- que terá lugar en Santiago de Compostela do 21 ao 25 de abril de 2010- e catro terceiros premios: consistentes cada un deles nun lote de libros e material escolar. Así mesmo, os colexios ou centros dos alumnos premiados recibirán un diploma de recoñecemento.

2000 lecturas