Emigración e Educación promoven un concurso escolar para sensibilizar na diversidade sociocultural

Os traballos poderán presentarse en calquera tamaño, soporte e material.

Listen to this page using ReadSpeaker
2 de maio de 2011.

A Secretaría Xeral da Emigración e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organizan o concurso de debuxo e pintura Un mundo de cor. A finalidade da iniciativa é que o alumnado de Educación Primaria, e de Secundaria Obrigatoria, de tódolos centros escolares de Galicia (públicos, privados ou concertados) exprese a súa visión sobre a riqueza da diversidade sociocultural presente na sociedade galega.

As institucións que promoven a acción pretenden con ela achegar a unha reflexión consciente do alumnado sobre a oportunidade e riqueza que supón esta variedade de orixes, etnias, idiomas e culturas, e previr actitudes de rexeitamento do diferente. Así, quérese que os traballos reflictan temas relacionados coa convivencia intercultural, así como os distintos costumes, usos, vestimenta, folclore, etc, das persoas procedentes doutros países e que viven canda nós.

Así, na carta remitida a tódolos centros polo subdirector xeral da Inmigración, Antonio Aguarón, e o de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, Manuel Vila, subliñan que “a celebración do concurso é unha oportunidade para que o profesorado achegue ao alumnado o valor da diversidade sociocultural como forma de enriquecernos e abrirnos a novas realidades”.

Ata o 23 de maio
Os traballos poden presentarse realizados con calquera material, técnica e soporte, e en calquera tamaño, e deberán ser remitidos antes do 23 de maio á sede da propia Secretaría Xeral da Emigración. O concurso establece tres categorías diferenciadas: unha primeira para os tres primeiros cursos de Primaria, unha segunda para cuarto a sexto, e a última para estudantes da ESO. As bases do concurso poden consultarse e obterse na web da Secretaría www.galiciaaberta.com

Máis información:

1519 lecturas