Feijóo expresa o seu pesar pola morte do ex presidente arxentino Néstor Kirchner, e envía o saúdo agarimoso do pobo galego a toda a nación arxentina.
O presidente galego destaca os fortes vínculos que unen Arxentina e Galicia, “dúas terras irmás”.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, expresou este xoves o seu profundo pesar pola morte do ex presidente arxentino Néstor Kirchner.
O titular do Goberno galego trasladoulle á familia Kirchner, e en especial á súa esposa e actual presidenta de Arxentina, Cristina Fernández, o seu máis sentido pésame no seu nome e no de todo o Goberno galego. Feijóo enviou o saúdo agarimoso de todo o pobo galego ao Executivo arxentino e a toda a nación.
O presidente galego destacou os fortes vínculos que unen a Galicia con Arxentina e enviou as súas condolencias a todos os galegos e descendentes de galegos que viven neste país americano. Feijóo salientou que Galicia e Arxentina son terras irmás e expresou o seu agradecemento ao pobo arxentino pola súa contribución ao desenvolvemento de Galicia.
Novas relacionadas



