Feijóo e Rebelo de Sousa abordan a posibilidade dunha fronte común para que o avellentamento poboacional sexa unha prioridade en todo o ámbito europeo

O presidente da Xunta reuniuse este mediodía co presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa.

Avalían a necesidade de crear unha estratexia demográfica intelixente: primeiro para afrontar a realidade tal e como é neste momento; e, segundo, para revertela.

Avogan por aproveitar a fortaleza da cooperación para, entre outros aspectos: seguir gañando centralidade en Europa, reforzar a cooperación económica, cunhas infraestruturas máis modernas, e aproveitar con máis intensidade os lazos culturais.

Coinciden no camiño da innovación, reflectida na Estratexia de especialización intelixente, aprobada na Eurorrexión; e no camiño da economía circular, cun proxecto piloto de simbiose industrial que podería ampliarse.

Feijóo traslada tamén a importancia de reforzar os vínculos culturais en ámbitos como o da lusofonía, onde xa se está a colaborar moi estreitamente.

O titular da Xunta expón a oportunidade que supón o ano santo 2021 para ambos os territorios con actividades conxuntas, reforzando a marca ‘Dous países, un destino’ e aproveitando os fluxos de peregrinación entre Santiago e Fátima.

O presidente da República Portuguesa agradeceu e acolleu positivamente a invitación feita por Feijóo para visitar Galicia.

  • O presidente da Xunta reuniuse este mediodía co presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa
    O presidente da Xunta reuniuse este mediodía co presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa
  • O presidente da Xunta reuniuse este mediodía co presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa
    O presidente da Xunta reuniuse este mediodía co presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa
Listen to this page using ReadSpeaker
Lisboa (Portugal), 3 de xullo de 2018.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, abordaron hoxe a posibilidade de facer unha fronte común estable entre ambos os territorios para que os aspectos relacionados coa demografía e o avellentamento poboacional sexan unha prioridade en todo o ámbito europeo.

Nesta liña, avaliaron a necesidade de crear unha estratexia demográfica intelixente: primeiro para afrontar a realidade tal e como é neste momento; e, segundo, para revertela. “A demografía ten que ser unha prioridade de primeiro nivel, como o está a ser no ámbito da Eurorrexión, onde estamos a levar varios proxectos, para mellorar as condicións de vida e tamén os servizos aos maiores”, explicou, ao que engadiu que ambos territorios seguirán reclamando que a demografía se teña en conta á hora de decidir o futuro dos fondos de cohesión.

Tras a reunión, ambos os mandatarios coincidiron en aproveitar a fortaleza da cooperación entre os dous territorios para, entre outros aspectos: seguir gañando centralidade en Europa, reforzar a cooperación económica, cunhas infraestruturas máis modernas, e aproveitar con máis intensidade os lazos culturais.

No eido europeo, Feijóo e Rebelo de Sousa repasaron os logros acadados pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como o micromercado común de seis millóns de persoas ou o Programa Iacobus no ámbito universitario. “E xuntos gañamos masa crítica ante as institucións europeas, algo básico para conseguir apoio a novos proxectos e, sobre todo, acadar que se atendan as nosas demandas no próximo reparto de fondos europeos”, engadiu o responsable do Executivo autonómico.

En relación á cooperación económica, o titular da Xunta e o presidente da República Portuguesa analizaron os datos que día a día constatan a consolidación da recuperación económica tanto no conxunto de España como de Portugal. Ao respecto, consideraron un bo momento para reforzar tamén os lazos económicos. Non en van, Galicia e o país veciño coinciden no camiño da innovación, reflectida na Estratexia de especialización intelixente, aprobada na Eurorrexión; no camiño da economía circular, cun proxecto piloto de simbiose industrial que podería ampliarse a outras empresas galegas e portuguesas; e no impulso de sectores estratéxicos como o aeroespacial, a automoción, o agroalimentario ou o marítimo.

Ademais de ser conscientes de que todo iso se fará moito mellor cunhas infraestruturas máis modernas, o presidente da Xunta trasladou tamén a importancia de reforzar os vínculos culturais en ámbitos como o da lusofonía, onde xa se está a colaborar moi estreitamente: cunha Lei Paz Andrade, co ingreso en 2016 como observadores na Comunidade de países con lingua portuguesa; con case 2700 alumnas e alumnos que estudan portugués; e con producións audiovisuais conxuntas.

Por último e en relación ao sector turístico, o titular da Xunta expuxo a oportunidade que supón o ano santo 2021 para os dous territorios con actividades conxuntas, reforzando a marca ‘Dous países, un destino’ e aproveitando os fluxos de peregrinación entre Santiago de Compostela e Fátima.

Feijóo aproveitou o encontro para invitar o presidente da República Portuguesa a visitar a Comunidade galega. Unha invitación que Marcelo Rebelo de Sousa agradeceu e acolleu positivamente; “polo que esperamos velo pronto por Galicia”, aseverou.

395 lecturas