Fabiola García participa nun encontro con mulleres distinguidas co galardón ‘A Barca de Sálvora’ en Bos Aires
A conselleira de Política Social e Xuventude, acompañada do delegado da Xunta, Alejandro López, visitou o Centro Gallego de Avellaneda.
Posteriormente, asinou un protocolo de colaboración coa residencia de maiores Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar por valor de 20.000 euros
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta, Alejandro López Dobarro, mantivo un encontro con mulleres distinguidas co galardón ‘A Barca de Sálvora’, outorgado cada ano polo Centro Galego de Avellaneda, en Bos Aires, a mulleres destacadas desta colectividade. A conselleira trasladoulles a súa admiración como ribeirense por seguir dando a coñecer a historia e os valores da súa terra aos galegos na diáspora.
A distinción ‘A Barca de Sálvora’ recoñece desde o ano 2019 a solidariedade, o valor e a empatía de tres mulleres destacadas da colectividade con motivo do Día Internacional da Muller. Emprégase a historia das Heroínas de Sálvora —Josefina, Cipriana e María— que no ano 1921 lograron rescatar a numerosos náufragos tras o afundimento do barco Santa Isabel que navegaba preto das costas de Ribeira.
A conselleira visitou as instalacións do Centro Gallego de Avellaneda e, posteriormente, achegouse ao Hogar Gallego para Ancianos de Domselaar. Durante este encontro, asinou un protocolo de colaboración coa entidade, por valor de 20.000 euros, para o funcionamento da súa residencia de maiores. Un centro que iniciou a súa actividade no ano 1943 e que permite ofrecer coidado e atención a galegos na diáspora.
Novas relacionadas