Exposición sobre a emigración e o asociacionismo galego na Casa de Cultura de Elgoibar

Tras percorrer distintas cidades de España, Europa e América, "Nós mesmos: Asociacionismo galego na emigración" inaugúrase hoxe na vila guipuscoana, onde permanecerá aberta ao público ata o 29 deste mes.

A mostra, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, contou coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.

“Nós mesmos-Asociacionismo galego na emigración”. Foto: Consello da Cultura Galega
“Nós mesmos-Asociacionismo galego na emigración”. Foto: Consello da Cultura Galega
Listen to this page using ReadSpeaker
Elgoibar (Guipúscoa), 19 de xuño de 2013.

A emigración galega é o fío argumental sobre o que xira a mostra que a Casa Cultural de Galicia de Elgoibar abre hoxe ao público na Casa de Cultura. A sala recolle unha serie de paneis nos que as e os asistentes terán a oportunidade de informarse sobre o asociacionismo galego na emigración, con referencias ás súas orixes, coa creación das primeiras agrupacións en diferentes lugares do mundo, (A Habana, Bos Aires, Montevideo...), ata a actualidade.

Esta exposición, que xa percorreu diferentes cidades de España, Europa e América, consta de sete bloques temáticos desenvolvidos en 55 paneis e permite seguir a evolución das sociedades microterritoriais e as dimensións mutualista, educativa, artística, cultural, sanitaria e política do asociacionismo galego na diáspora.

A mostra leva como título Nós mesmos: Asociacionismo galego na emigración e foi promovida polo Conselo de Cultura Galega e a Secretaria Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. A exposición permanecerá aberta ata o 29 de xuño e poderase visitar de luns a sábado, en horario de 18,30 a 20,30 h.

 

Fonte: diariovasco.com

853 lecturas