Entregados os premios ás rapazas gañadoras da segunda edición do concurso “Un mundo de cor”

Presentáronse 230 obras, das que 143 procedían da provincia de Pontevedra.

Tódalas gañadoras recibiron cadanseu lote de regalos adaptados á súa idade.

Destaca o feito de que o os nove premios recaesen nesta edición en rapazas.

  • Imaxe da entrega dos galardóns.
    Imaxe da entrega dos galardóns.
  • Imaxe da entrega dos galardóns.
    Imaxe da entrega dos galardóns.
Listen to this page using ReadSpeaker

A sede do Consello Escolar de Galicia foi o escenario da entrega dos nove premios correspondentes á segunda edición do concurso “Un mundo de cor”, acto que foi presidido polo subdirector xeral de Inmigración e Retorno, da Secretaría Xeral de Emigración, Antonio Aguarón, acompañado do subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Manuel Vila López.

A gañadora da Primeira Categoría (alumnado de 1º a 3º de Primaria) foi Shital González, do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago; a vencedora da Segunda Categoría (alumnado de 4º a 6º de Primaria) foi Paula Noya, do mesmo centro educativo; e co premio á Terceira Categoría (alumnado da ESO) alzouse Nuria Gómez, do CPI Covaterreña de Baiona.

Na Primeira Categoría foron galardoadas asemade co segundo premio Lucía Fernández, do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, e no terceiro posto ficou Alicia Mialache, que estuda no Colexio Cardenal Cisneros de Ourense. Na Segunda Categoría, obtivo o segundo premio Helena Fajín, tamén do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, centro no que tamén estuda a terceira premiada nesta categoría, Yiling Liu. Finalmente, na Terceira Categoría levou o segundo galardón Mariya Ilieva Palikarska, do IES Carlos Casares de Vigo, e o terceiro recaeu en Laura Vidales, do CPI Covaterreña de Baiona.

Unha edición en feminino
Cómpre salientar o alto índice de participación da provincia de Pontevedra nesta edición, que presentou 143 traballos dun total de 230 en toda Galicia. Por outra parte, tamén é salientable o feito de que as nove premiadas sexan rapazas, cando na primeira edición do concurso, o ano pasado, había tamén rapaces entre as e os galardoados.

Outro dato altamente significativo é o importante número de rapaces e rapazas non nados en Galicia, fillas e fillos de persoas inmigrantes radicadas en Galicia, que teñen participado nesta edición, sen dúbida motivados pola propia experiencia persoal e familiar.

Os premios
“Un mundo de cor” é unha iniciativa da Subdirección Xeral da Inmigración e do Retorno (da Secretaría Xeral da Emigración) na que participou a Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado (da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria). O obxectivo era que o alumnado de Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria dos centros públicos, privados ou concertados de Galicia expresase a súa visión sobre a riqueza da diversidade sociocultural presente na nosa sociedade.

Na primeira e segunda categorías, tódalas premiadas recibiron un lote de libros infantís. Aparte dese lote, na primeira categoría, a primeira premiada foi agasallada cun caderno e unha caixa de pinturas, e a segunda cunha caixa de pinturas. Na segunda categoría, ademais do devandito lote de libros, o primeiro premio consistiu nunha PSP, e o segundo nun ‘mp-4’. E finalmente, na terceira categoría tamén tódalas premiadas recibiron cadanseu lote de libros, neste caso xuvenís. Asemade, a primeira galardoada fíxose cunha Playstation, e a segunda cun ‘mp4’.

Variedade e calidade
Un total de 230 obras foron recibidas en prazo na Secretaría Xeral da Emigración, das cales máis do sesenta por cento (143) remitíronse desde centros da provincia de Pontevedra, a máis participativa na experiencia. Precisamente, a capital do Lérez é a cidade con máis traballos presentados, mercé ao labor das rapazas e rapaces do Colexio da Nosa Señora das Dores.

Os traballos remitidos á Secretaría polas rapazas e rapaces escolarizados nos centros da Comunidade sorprenderon moi gratamente aos membros do xurado pola cantidade, variedade, e calidade, dos traballos presentados, igualando o nivel do ano pasado, que xa superara tódalas expectativas depositadas na iniciativa.

966 lecturas