Emigración recibe 230 traballos para a segunda edición do concurso escolar “Un mundo de cor”

O obxectivo desta iniciativa da Xunta é sensibilizar ás e aos máis cativos na diversidade sociocultural.

A variedade e calidade dos traballos mantén o alto nivel acadado na edición do curso anterior.

  • Obra gañadora da Primeira Categoría en 2011
    Obra gañadora da Primeira Categoría en 2011
  • Obra gañadora da Segunda Categoría en 2011
    Obra gañadora da Segunda Categoría en 2011
  • Obra gañadora da Terceira Categoría en 2011
    Obra gañadora da Terceira Categoría en 2011
Listen to this page using ReadSpeaker
8 de xullo de 2012.

Ao longo desta semana coñeceranse os gañadores e gañadoras da segunda edición do concurso escolar “Un mundo de cor”, iniciativa cuxo obxectivo é que o alumnado de Educación Primaria, e de Secundaria Obrigatoria, dos centros escolares de Galicia (públicos, privados ou concertados) exprese a súa visión sobre a riqueza da diversidade sociocultural presente na sociedade galega.

Un total de 230 obras foron recibidas en prazo na Secretaría Xeral da Emigración, das cales máis do sesenta por cento (143) remitíronse desde centros da provincia de Pontevedra, a máis participativa nesta segunda experiencia, fronte á da Coruña que o foi na primeira edición.

Precisamente, a cidade do Lérez foi a que máis traballos presentou, mercé ao labor das rapazas e os rapaces do Colexio da Nosa Señora das Dores. Tamén participaron alumnas e alumnos de centros educativos de Santiago, Baiona, Ourense, Vigo, Ribadeo, Carral, Lugo, e Sanxenxo.

De entre as obras presentadas, 129 pertencen á primeira categoría (os tres cursos máis baixos de Primaria), 63 á segunda categoría (cuarto a sexto de Primaria), e 35 á terceira (estudantes da ESO). Finalmente, tres obras de Primaria foron excluídas por non cumpriren as bases da convocatoria.

O fallo, esta semana
A cantidade e variedade de traballos e materiais empregados para a súa confección xa sorprendera moi gratamente ás e aos membros do xurado da primeira edición, integrado por profesionais do Ensino e especialistas en Inmigración, pero esta segunda edición mesmo parece ter elevado o listón. Agora, ao longo desta semana que entra, o xurado ten por diante a difícil tarefa de decidir as obras gañadoras.

Os autores e autoras das mesmas recibirán diversos premios, que varían segundo a categoría na que participan –e por tanto a súa idade mínima- e se fican en primeira, segunda ou terceira posición. Asemade, cabe a posibilidade de que algunha das obras gañadoras sexa empregada en accións de sensibilización da Secretaría.

Así, o ano pasado a obra vencedora na terceira categoría serviu de leitmotiv do merchandising dunha campaña nas praias durante o final do verán, na que se pretendía concienciar á poboación sobre as virtudes da integración social e cultural dos estranxeiros na sociedade galega.

Educar na diversidade
“Un mundo de cor” é unha iniciativa máis posta en marcha pola Subdirección Xeral da Inmigración e do Retorno (dependente da Secretaría Xeral da Emigración) na que tamén participa a Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado (dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria).

Estas dúas institucións pretenden con esta acción achegar a unha reflexión consciente do alumnado sobre a oportunidade e riqueza que supón esta variedade de orixes, etnias, idiomas e culturas, e previr actitudes de rexeitamento do diferente. Así, acadouse que os traballos reflectiran temas relacionados coa convivencia intercultural, así como os distintos costumes, usos, vestimenta, folclore, etc, das persoas procedentes doutros países e que viven canda nós.

1242 lecturas