Alumnos e alumnas de Ponteareas, Santiago e Baiona, gañadores da primeira edición do concurso “Un mundo de cor”

O vindeiro día 20 terá lugar a entrega de premios dunha iniciativa á que se presentaron mais de 300 traballos.

Listen to this page using ReadSpeaker
10 de xuño de 2011.

A web www.galiciaaberta.com publica hoxe a listaxe de gañadores e gañadoras do concurso Un mundo de cor na súa primeira edición. O gañador da Primeira Categoría (alumnado de 1º a 3º de Primaria) foi Iván Vázquez, do Colexio Santiago Apóstol de Ponteareas; a vencedora da Segunda Categoría (alumnado de 4º a 6º de Primaria) foi Florencia Lago, do CEIP Apóstolo Santiago, da propia capital galega; e co premio á Terceira Categoría (alumnado da ESO) alzouse Marietu Ramos, do CPI Covaterreña de Baiona.

Na Primeira Categoría galardouse co segundo premio Montserrat Buján, do CEIP Ramón Cabanillas de Santiago, e co terceiro Catuxa García, do CEIP A Ramallosa de Teo. Na Segunda Categoría, obtivo o segundo premio Andrea Cuevas, do Colexio Santiago Apóstol de Ponteareas, e o terceiro Xiana Vilar, do CPI da Cruz de Nigrán. E, finalmente, na Terceira Categoría levou o segundo galardón Lara de Villalobos, do CPI Covaterreña de Baiona, e o terceiro recaeu en María Jardón, do IES Otero Pedrayo, de Ourense. Tódolos e tódalas galardoados recibirán a súa distinción, xunto con agasallos adaptados á súa idade, nun acto oficial o vindeiro 20 de xuño.

Un mundo de cor é unha iniciativa da Subdirección Xeral da Inmigración e do Retorno (da Secretaría Xeral da Emigración) na que participou a Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado (da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria). O obxectivo era que o alumnado de Educación Primaria e Secundaria Obrigatoria dos centros públicos, privados ou concertados de Galicia expresase a súa visión sobre a riqueza da diversidade sociocultural presente na nosa sociedade.

23 centros
Un total de 308 obras foron recibidas en prazo na Secretaría Xeral da Emigración, das cales máis da metade (174) remitíronse desde centros da provincia da Coruña, a máis participativa na experiencia. Sen embargo, a localidade con máis traballos presentados é Ourense, con 53, destacando o alto índice de participación das alumnas e a dos alumnos do I.E.S. Otero Pedrayo e mailo Colexio Cardenal Cisneros.

Das máis de trescentas obras presentadas, 119 pertencían á primeira categoría, 115 á segunda, e 74 á terceira. Remitiron traballos a Emigración rapazas e rapaces escolarizados nun total de 23 centros da Comunidade, que sorprenderon moi gratamente aos membros do xurado pola cantidade, variedade, e calidade, dos traballos presentados, superando tódalas expectativas depositadas na iniciativa.

 

  • Gañador da Primeira Categoría (1º a 3º de Primaria): Iván Vázquez- Colexio Santigo Apóstol (Ponteareas).

 

  • Gañadora da Segunda Categoría (4º a 6º de Primaria): FLorencia Lago - CEIP Santiago Apóstolo (Stgo. de Compostela).

 

  • Gañadora da Terceira Categoría (ESO): Marietu Ramos - CPI Covaterreña (Baiona)

 

1875 lecturas