A actual comisión delegada do Consello de Comunidades Galegas celebra a súa derradeira xuntanza no Pazo de Mariñán

Analiza os tres anos de mandado deste órgano de representación da diáspora.

A gran xuntanza das asociacións e casas de Galicia de todo o mundo terá lugar mañá e pasado en Compostela, inaugurada polo presidente da Xunta.

Listen to this page using ReadSpeaker
Imaxe da xuntanza da Comisión Delegada saínte, celebrada esta mañá no Pazo de Mariñán (Bergondo - A Coruña).

O Pazo de Mariñán acolle hoxe a xornada de traballo da Comisión Delegada –máximo órgano de representación entre plenarios- do Consello de Comunidades Galegas, que engloba ás entidades e centros galegos de todo o mundo con certificación de galeguidade recoñecida.

A reunión estivo presidida polo secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, e nela participaron outros membros deste departamento da Xunta, así como 13 dos 14 membros da Comisión (un deles tivo que ausentarse nesta ocasión por razóns de saúde), que representan a cadansúa entidade encravada en América, Europa ou outras Comunidades españolas. O xantar de confraternidade contou asemade coa presenza do presidente da Deputación Provincial da Coruña, e anfitrión da xuntanza, Diego Calvo.

A cita de Mariñán ten especial relevancia, por canto se trata da derradeira xuntanza da actual Comisión, xa que a súa composición variará coa elección de novos membros. Esta escolla é, precisamente, unha das encomendas do plenario do Consello de Comunidades Galegas, que terá lugar en Santiago xoves e venres, e que inaugurará o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

O plenario
Neste plenario, que ten lugar cada tres anos, confirmaron a súa presenza representantes de case centenar e medio de organizacións con certificación de galeguidade, que debaterán sobre os principais asuntos actuais de interese e preocupación dos cidadáns residentes fóra da Galicia territorial.

No plenario do Consello, que se reúne por décima vez en toda a súa historia, abordaranse múltiplas cuestións relacionadas co pasado, presente e futuro dos movementos migratorios de cidadás e cidadáns galegos e as súas e os seus descendentes, pivotando en torno a catro asuntos centrais: o desenvolvemento normativo e a próxima Lei de Galeguidade; as políticas socio-asistenciais no exterior (con experiencias de diversa índole relatadas polos seus protagonistas); a cultura galega na diáspora; e a Galicia exterior no século XXI (con reflexións sobre participación política e empresarial, formación, papel da muller, novas tecnoloxías, e sostibilidade das propias comunidades galegas).

Cada tres anos
A elección de Santiago como sede desta nova xuntanza do órgano plenario representativo da emigración débese a que a anterior cita se levou a cabo en terras americanas, concretamente na capital uruguaia, Montevideo. Segundo se estipula nas normas do Consello da Galeguidade, debe alternarse unha celebración fóra con outra na Galicia territorial.

As entidades con presenza no Plenario teñen a súa sede no resto das comunidades autónomas españolas, noutros países de Europa, e tamén alén o Atlántico, cumprindo precisamente salientar a presenza de moitas delegadas e delegados vidos de América, a metade.

1085 lecturas