Emigración ten xa posto a disposición de persoas e comunidades galegas no exterior o 80% do seu investimento efectivo para 2016

Das convocatorias anuais do departamento que dirixe Rodríguez Miranda, as catro máis relevantes foron xa publicadas no DOG antes da segunda semana de xaneiro.

O prazo de presentación de solicitudes para as axudas económicas individuais, e tamén para apoio a comunidades para funcionamento e actividades, remata o 8 de febreiro; o das axudas a entidades para infraestruturas e equipamentos, o 13 dese mes; e o 29, o de Reencontros na Casa.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2016.

A Secretaría Xeral da Emigración publicou antes da segunda semana de xaneiro no Diario Oficial de Galicia as convocatorias para os catro programas de índole social máis relevantes na súa programación anual. Isto supón que xa puxo a disposición de cidadás e cidadáns particulares e entidades da diáspora 4 de cada 5 euros dispoñibles no seu orzamento efectivo para 2016.

Estas catro convocatorias son: as axudas económicas individuais para persoas galegas residentes no estranxeiro en situación de vulnerabilidade (a maior partida orzamentaria de todo o departamento que dirixe Rodríguez Miranda), o programa Reencontros na Casa, as axudas ás comunidades galegas para funcionamento e actividades, e as liñas de apoio para infraestruturas e equipamentos destas comunidades.

En breve prazo (a previsión é que sexa antes de que remate o mes de febreiro), publicaranse o resto das convocatorias anuais con finalidade social: as axudas de emerxencia, as axudas extraordinarias ao retorno, as axudas ao retorno emprendedor, Reencontros na Terra, Escolas Abertas, obradoiros e cursos, e Conecta con Galicia.

O adianto dos prazos para a presentación de solicitudes respecto de exercicios pasados ten como finalidade única axilizar a tramitación administrativa de cada expediente (que debe facerse de maneira individualizada pola súa natureza), co obxectivo de que os fondos revertan directamente nos beneficiarios e beneficiarias no menor prazo posible de tempo.

Axudas individuais
No DOG do 14 de decembro publicouse a convocatoria de axudas individuais, das que se benefician anualmente unha media de 8.000 familias residentes no Exterior en situación de precariedade, e para as que que este ano se achegan 2’1 millóns de euros, o que supón a terceira parte do orzamento efectivo de toda a Secretaría para 2016.

As solicitudes poden presentarse ata o 8 de febreiro, polo que os trámites de presentación tamén se adiantan, respecto do exercicio pasado, en catro semanas. Poden beneficiarse as persoas que demostren carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e que cumpran os requisitos estipulados en de cada tipo de axuda: o grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración.

A convocatoria abrangue sete tipos de axuda: unidade familiar en situación de precariedade, situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante, situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar, invalidez ou enfermidade permanente, cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado, mulleres que sufran violencia de xénero, e situación de desemprego agravada na unidade económica familiar.

Os requisitos das persoas beneficiarias son, con carácter xeral, carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes; non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións, que polas súas regras ou estatutos, estean obrigados a prestarlles asistencia; e hai ademais requisitos específicos para cada axuda, a fin de demostrar a pertenza ao colectivo con cadansúa condición específica (dependente, muller vítima de violencia, etc.)

As instancias deben presentarse preferiblemente por internet a través da sede electrónica da Xunta, pero tamén poden levarse a calquera rexistro da Administración autonómica, incluíndo as delegacións en Bos Aires e Montevideo, e de maneira presencial noutros cinco lugares: en Brasil, na Peña Galega da Casa de España de Río de Xaneiro, na Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo, e na Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos; en Cuba, na  Federación de Sociedades Galegas na Habana; e en Venezuela, na  Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

Reencontros na Casa
No DOG do 17 de decembro publicouse a edición de 2016 do programa Reencontros na Casa, que nesta ocasión acada as 204 prazas. O prazo de solicitude remata o 29 de febreiro (tense adiantado tamén a data respecto a outros anos), de maneira que os beneficiarios e beneficiarias poidan organizar aínda con máis tempo os seus desprazamentos.

Esta iniciativa ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegar a súa terra, e a súa familia, ás galegas e aos galegos residentes nos diferentes países de Iberoamérica. A través deste programa facilítase que estas e estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron. Para algúns deles e delas, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento, desde que iniciaran a súa nova vida noutros países.

Para se beneficiar do programa, a persoa solicitante debe acreditar ter nacionalidade española, ser emigrante galega ou filla de emigrante galego ou galega, residir en Iberoamérica, ter polo menos 65 anos, valerse por si mesmo e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, e ter ingresos inferiores a tres veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España).

Tamén poden beneficiarse as e os cónxuxes das e dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa. As instancias poden presentarse nos mesmos lugares sinalados para as axudas económicas individuais.

Para as comunidades
No DOG do 7 de xaneiro publicouse a orde de axudas para gastos de funcionamento e de actividades das comunidades galegas no Exterior, que este ano aumenta un 11’11 % o seu orzamento, ata o millón de euros, e cuxo remate de prazo de presentación de solicitudes é o 8 de febreiro.

E na edición do 13 de xaneiro, o DOG facía pública a orde, dotada con 575.000 euros, para axudas para apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos destas mesmas comunidades, de maneira que a cifra que Emigración destina a centros e casas de Galicia para estas finalidades ascenda este ano ata os 1’6 millóns de euros.

Para a segunda convocatoria –infraestruturas e equipamentos-, as entidades teñen de prazo ata o 13 de febreiro para presentar as solicitudes, que deberán ir dirixidas a dúas finalidades fundamentais: dunha banda, a conservación, obras, equipamentos e infraestrutura de instalacións; e, pola outra, á mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

Cómpre destacar que outros departamentos da Xunta (Consellerías de Economía e Emprego, Sanidade, Política Social, Medio Rural, etc.) tamén realizan achegas directas e indirectas a estas comunidades, polo que a cifra destinada polo Goberno galego é sensiblemente superior.

1031 lecturas