Emigración renova o seu espazo dedicado ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 con contidos relacionados co Día das Letras Galegas

Esta semana descubriremos a música clásica dedicada a Xela Arias a través do violonchelo de Margarida Mariño, acercaremos o galego ás e aos máis cativos cos monicreques de Óscar Ferreira, a toponimia no Camiño de Santiago, e o patrimonio cultural galego dun edificio con moita historia: o Castelo de Santo Antón.

Pódense contemplar na páxina de GaliciaAberta a través de catro contedores: Xacobeo, Ciencia e historia galega, Música e Artes escénicas.

A violenchelista viguesa Margarida Mariño ponlle música e voz aos versos de Xela Arias 'Tigres coma cabalos'
A violenchelista viguesa Margarida Mariño ponlle música e voz aos versos de Xela Arias 'Tigres coma cabalos'
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración segue a difundir, a través da súa plataforma web (GaliciaAberta – https://emigracion.xunta.gal), os contidos audiovisuais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, co obxectivo de que as galegas e os galegos do exterior poidan desfrutar destes contidos musicais, culturais e cinematográficos que lles acerquen máis a Galicia.

Nesta ocasión, e aproveitando a recente celebración do Día das Letras Galegas, volvemos a achegarnos ata Xela Arias para, a través do violonchelo de Margarida Mariño, dedicarlle unha homenaxe musical á protagonista deste ano, coa interpretación titulada Tigres coma cabalos.

No capítulo de Ciencia e historia galega achegámonos ao patrimonio cultural galego a través dun edificio con moito que contar: o Castelo de Santo Antón da Coruña. Así, a curta, Castelos que danzan de Artestudio Xestión Cultural, mestura a danza, a arquitectura e o patrimonio cultural galego, creadas á medida para cada espazo e cada recuncho deste emblemático lugar.

No eido do Xacobeo, xa é posible coñecer O Camiño Francés a través da súa toponimia, de Suseia Sociedade Cooperativa Galega, seis breves pezas divulgativas que mostran o Camiño de Santiago desde unha perspectiva etnográfica, cultural e lingüística que pon en valor a toponimia galega para que a e o peregrino comprenda desde un punto de vista novo a relevancia da Ruta Xacobea e a súa pegada na configuración cultural da actual Europa.

Finalizamos achegando a lingua ás e aos máis cativos a través da sección de Artes escénicas, cos monicreques de Óscar Ferreira. O obxectivo deste proxecto audiovisual é aprender a construír e manipular un monicreque de boca. O vídeo consta de dúas partes: unha primeira dedicada á construción dos monicreques e unha segunda centrada nas leccións básicas de manipulación. A proposta está pensada especificamente para pequenos e pequenas de 3 anos a 12 anos, pero pódese participar con calquera idade.

Con esta iniciativa, a Secretaría Xeral da Emigración tenta achegar á nosa colectividade do exterior os contidos creativos de interese cultural e artístico, lingüístico e turístico que forman parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, de cara a promocionar a nosa lingua e cultura entre os galegos e galegas do exterior.

531 lecturas