Emigración dedica o seu espazo do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 a contidos relacionados co patrimonio inmaterial galego

Esta semana descubriremos o Porto de Peregrinos de Noia, o Cantar do liño da man de Fransy, Davide e Cibrán, os sabores con historia de Galicia e a mestura do humor e música do proxecto audiovisual do Dúo Vaguedades.

Pódense contemplar na páxina de GaliciaAberta a través de catro contedores: Xacobeo, Ciencia e historia de Galicia, Música e Artes escénicas

Noia 'Porto de Peregrinos'
Noia "Porto de Peregrinos"
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021.

A Secretaría Xeral da Emigración segue a difundir, a través da súa plataforma web (GaliciaAberta – https://emigracion.xunta.gal), os contidos audiovisuais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, co obxectivo de que as galegas e galegos do exterior poidan desfrutar destes contidos musicais, culturais e cinematográficos que lles acerquen máis a Galicia.

Nesta ocasión achegámonos ao patrimonio cultural inmaterial galego, achegándonos ata o Porto de Peregrinos de Noia da man de Miguel Iglesias Barreiro, unha peza audiovisual destinada a potenciar esta localidade como destino turístico no marco do Xacobeo, mostrando a importancia que a vila tivo como porto de Compostela.

No capítulo de Ciencia e historia galegas achegámonos ata a gastronomía galega a través do mestizaxe do saber do pobo e dos recursos que o territorio, a historia e a terra ao longo dos séculos. Receitas, produtos do campo e do mar, as técnicas de conservación, a horta, as feiras e mercados....

En canto ás Artes escénicas, destacar a proposta do Dúo Vaguedades, que mestura humor e música e que propón unha revisión cómica de diversos aspectos que nos definen como galegas e galegos, así como dos fitos máis sobranceiros do noso patrimonio cultural.

Finalmente, Fransy, Davide e Cibrán preséntannos un vídeo musical pensado para promocionar a música e a danza tradicionais, a artesanía, a arquitectura e o patrimonio do Camiño de Santiago, pois está gravado en lugares da Ruta Xacobea.

Con esta iniciativa, a Secretaría Xeral da Emigración tenta achegar á nosa colectividade do exterior os contidos creativos de interese cultural e artístico, lingüístico e turístico que forman parte do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, de cara a promocionar a nosa lingua e cultura entre as galegas e os galegos do exterior.

664 lecturas