Emigración publica o listado provisional de persoas admitidas e excluídas no programa de Bolsas BEME para estudar un mestrado en Galicia o próximo curso
Os interesados excluídos deben achegar os documentos que se lles requiren de xeito que poida tramitarse a súa solicitude.
A Secretaría Xeral da Emigración recibiu solicitudes para estas axudas formativas dende preto de 30 países.
O prazo de emenda de solicitudes estará aberto ata o venres 30 de maio.
A Secretaría Xeral da Emigración vén de publicar o listado provisional de persoas admitidas e excluídas no programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior 2025/26 - BEME, polo que se interesaron centos de galegas e galegos universitarios do exterior. Estas bolsas permiten realizar, ás e aos galegos universitarios do exterior, un máster nunha das tres universidades galegas. As solicitudes chegaron dende tódolos continentes.
As persoas excluídas disporán dun prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación nesta web, para que acheguen os documentos que se lles requiren. Transcorrido este prazo sen que se achegue dita documentación, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición.
A presentación da documentación que se lle require deberá realizarse de forma electrónica a través da aplicación informática establecida nesta convocatoria de bolsas no apartado de “subsanación”. Máis información nesta ligazón.
Estas bolsas destínanse a galegas e galegos universitarios residentes fóra de Galicia dende fai máis de dous anos ou descendentes de cidadás galegos con titulación superior que desexen realizar un dos másteres que ofertan a UVigo, a USC e a UDC en calquera dos seus campus.
O obxectivo destas bolsas é que estas mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria, o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia.
A bolsa, cuxo importe vai dos 8.000 aos 12.500 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo e segundo o número de créditos a realizar), destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial.
Novas relacionadas




