Emigración publica a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas no programa de Bolsas BEME para estudar un máster en Galicia o próximo curso

As persoas interesadas excluídas deben achegar os documentos que se lles requiran para que a súa solicitude poida ser tramitada.

A Secretaría Xeral da Emigración recibiu solicitudes para estas axudas formativas desde preto de 30 países.

O prazo para a corrección de solicitudes estará aberto desde este martes 26 de maio ata o luns 1 de xuño.

Emigración publica a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas no programa de Bolsas BEME para estudar un máster en Galicia o próximo curso.
Emigración publica a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas no programa de Bolsas BEME para estudar un máster en Galicia o próximo curso.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026.

A Secretaría Xeral da Emigración publicou a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas no programa de Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior 2026/27 (BEME), polo que se interesaron centos de universitarias e universitarios galegos do exterior. Estas becas permiten aos galegos universitarios do exterior cursar un máster nunha das tres universidades galegas.

As persoas excluídas dispoñerán dun prazo de cinco días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación nesta web, para achegar os documentos requiridos. Transcorrido este prazo sen que se presentase a documentación, considerarase que a persoa interesada desiste da súa solicitude.

A presentación da documentación requirida deberá realizarse de forma electrónica, a través da aplicación informática establecida nesta convocatoria de bolsas no apartado de “subsanación”.

Estas bolsas están destinadas a galegas e galegos universitarios residentes fóra de Galicia desde hai máis de dous anos, ou descendentes de cidadáns galegos con titulación superior, que desexen cursar un dos másters ofertados pola Universidade de Vigo (UVigo), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) ou a Universidade da Coruña (UDC), en calquera dos seus campus.

O obxectivo destas bolsas é que estes mozos poidan completar a súa formación universitaria, o que podería permitirlles quedarse a traballar e vivir en Galicia.

A bolsa, cuxo importe varía entre 8.000 e 12.500 euros (segundo se a persoa beneficiaria procede de Europa ou do resto do mundo e do número de créditos a cursar), está destinada a cubrir gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención en Galicia.
 

95 lecturas