Emigración publica o listado definitivo das preto de 50 persoas admitidas no programa Escolas Abertas 2025

Esta iniciativa fomenta a formación especializada dos docentes das entidades galegas do exterior para dinamizar a vida cultural e social das comunidades galegas no mundo.

O programa terá lugar nas instalacións do Centro Superior de Hosteleira de Galicia do 4 ao 15 de xullo. A media de idade dos alumnos é de 35 anos.

Emigración publica o listado definitivo das preto de 50 persoas admitidas no programa Escolas Abertas 2025
Emigración publica o listado definitivo das preto de 50 persoas admitidas no programa Escolas Abertas 2025
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 26 de maio de 2025.

A Secretaría Xeral da Emigración vén de publicar hoxe na súa páxina web o listado definitivo de persoas seleccionadas para participar no programa Escolas Abertas 2025, unha iniciativa do Goberno galego dirixida a formar de maneira especializada os docentes das entidades galegas do exterior.

O programa, que terá lugar en Galicia do 4 ao 15 de xullo no Centro de Hostelería de Galicia, está orientado a aquelas persoas que imparten docencia en centros galegos de Europa e América, co obxectivo de reforzar a súa capacitación técnica e pedagóxica, e multiplicar o impacto da cultura galega nas comunidades do exterior.

Nesta edición, foron seleccionadas 48 persoas procedentes de 10 países, que participarán en obradoiros especializados nas seguintes modalidades: baile tradicional galego, canto popular e pandeireta, confección de traxe tradicional galego, gaita tradicional galega e percusión tradicional galega.

A Secretaría Xeral da Emigración asume a organización das actividades, así como os gastos de viaxe, estadía, manutención e material didáctico para todo o alumnado participante.

A través desta iniciativa, a Xunta de Galicia aposta pola formación de formadores, asegurando que o coñecemento adquirido polos participantes se traslade ás entidades ás que pertencen, contribuíndo así á preservación da cultura galega alén das fronteiras. Este efecto multiplicador permite que milleiros de galegas e galegos residentes ou nados no exterior poidan acceder á cultura galega viva e en constante evolución.

A Secretaría Xeral da Emigración destaca a importancia de continuar reforzando os lazos coa colectividade galega no exterior e recoñece o papel fundamental das entidades galegas como garantes da transmisión das nosas tradicións, lingua e cultura ás novas xeracións.

564 lecturas