Emigración publica a listaxe dos 250 mozos e mozas do exterior que cursarán cunha bolsa BEME un máster o próximo curso nas tres universidades galegas
Arxentina, Uruguai, Brasil, Venezuela, Cuba, México, Alemaña e Reino Unido son os países cun maior número de beneficiarios, dos que 88 cursarán os seus estudos na USC, 82 na UVigo e 80 na UDC.
A Secretaría Xeral da Emigración publica hoxe a listaxe dos 250 mozos e mozas do exterior que cursarán os seus mestrados nalgunha das tres universidades galegas grazas a nova convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior-BEME, o programa da Secretaría Xeral da Emigración que suma así a súa sétima edición, na procura de fomentar o retorno da xuventude galega no exterior.
Entre os datos que se desprenden dos 250 beneficiarios atópanse que os países con maior número de beneficiarios proceden de Arxentina, Venezuela, Uruguai, Brasil e Reino Unido, dos que 88 cursarán os seus estudos na USC, 82 na Universidade de Vigo e 80 na UDC.
Arxentina é o pais con maior número de beneficiarios, 104, seguido por Uruguai con 41, Brasil con 27, Venezuela con 24, Cuba con 17 e México con 13. Ademais, tamén realizarán un curso de mestrado en Galicia grazas a bolsa Beme, galegos chegados dende Chile, Colombia e Cabo Verde. En total, son 17 os matriculados a través desta axuda chegados dende distintos países de Europa, destacando o Reino Unido e Alemaña, pero tamén Francia, Luxemburgo, Irlanda, Noruega, Dinamarca, Suíza, Italia e Portugal.
Os interesados poden consultar a listaxe na seguinte ligazón: https://emigracion.xunta.gal/actividade/lista-a-convocatoria/listados-definitivos-das-persoas-beneficiarias-e-suplentes-bolsas
Os beneficiarios da iniciativa son galegos por nacemento ou descendentes por consanguinidade. A bolsa, cuxo importe é de 7.500 ou 8.000 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60-72 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles que se matriculan nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de entre 11.250 ata 12.000 euros (en función do continente de procedencia do alumno).
Á convocatoria do ano pasado presentáronse case 532 solicitudes procedentes de preto de 35 países distintos.
Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2023, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 1.400 mozos galegos do exterior no ámbito universitario.
Novas relacionadas