Emigración presenta a Guía do Retorno e dos proxectos normativos en materia de retorno en Uruguai

O subdirector xeral da Secretaría Xeral da Emigración, Antonio Aguarón, presentou a guía á comunidade galega de Montevideo.

Listen to this page using ReadSpeaker

O subdirector xeral do Retorno e da Inmigración, Antonio Aguarón Turrientes, presentou o pasado martes en Montevideo a nova Guía do Retorno que a Secretaría Xeral da Emigración elaborou para informar aos emigrantes galegos no exterior que teñen intención de regresar a Galicia. Ademais, informou sobre os proxectos normativos en materia de retorno que se están a elaborar na actualidade.

A guía recolle aspectos relacionados co acceso á vivenda, o sistema educativo, a sanidade, a homologación de titulacións e o acceso ao mercado de traballo, así como outras cuestións de interese para desenvolver o proxecto de retorno dun xeito planificado.

Na Guía do Retorno figura a normativa do retorno actualizada e información sobre as axudas económicas que facilitan a Secretaría Xeral da Emigración e as distintas Administracións públicas para paliar os gastos derivados do traslado definitivo a Galicia.

Para facilitar o acceso ao maior número de usuarios, ademais de difundirse en papel, a guía poderase consultar na páxina web www.galiciaaberta.com da Secretaría Xeral da Emigración.

Complementariamente á elaboración e difusión da guía, no 2010 a Secretaría Xeral realizou unha convocatoria de subvencións dirixida ás entidades no exterior, co obxecto de que puideran desenvolver un programa integral de información, orientación e asesoramento en materia de retorno e, dende as mesmas, achegar aos galegos e os seus descendentes no exterior un asesoramento máis directo e personalizado.

O obxectivo final de todas estas actuacións é informar, orientar e asesorar aos galegos residentes no exterior que teñen previsto retornar a Galicia, para que podan facelo coas debidas garantías e podan resolver as dificultades propias do retorno dende o mesmo momento que toman a decisión de retornar.

1861 lecturas