Emigración pon en marcha o programa de obradoiros presenciais e telemáticos para as entidades galegas do exterior
A convocatoria publicarase nos primeiros días de xuño e ten como obxectivo que os centros galegos poidan ir recuperando a súa actividade habitual.
No 2020 a Secretaría Xeral da Emigración puxo en marcha a Aula GaliciaAberta que permitiu impartir estes obradoiros dende a plataforma dixital deste departamento, sumando máis de 405.000 visualizacións durante o pasado ano.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, anuncia a posta en marcha do programa de obradoiros 2021 por parte do seu departamento autonómico.
Deste xeito, a Secretaría Xeral da Emigración volve poñer en marcha este programa que permitirá aos diferentes centros e entidades recuperar parte das súas actividades habituais de formación para os galegos e galegas do exterior.
Nos primeiros días do mes de xuño publicarase a nova convocatoria, e os obradoiros serán ofertados tanto de xeito presencial como telemático, para adaptarse á situación actual.
A finalidade do programa de obradoiros da Secretaría Xeral da Emigración é a de potenciar os costumes e tradicións galegas e posibilitar que os galegos e galegas que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia mediante a organización destes cursos formativos de folclore, artesanía, cociña e seminarios, que se organizan nas entidades e centros galegos do exterior.
Os formadores e formadoras que imparten as distintas actividades son profesionais con experiencia nas distintas especialidades, seleccionados pola Secretaría Xeral da Emigración, e que viaxan aos diferentes centros dende Galicia.
A Aula GaliciaAberta
Rodríguez Miranda recordou que en 2020 púxose en marcha a formación de disciplinas tradicionais galegas para a colectividade do exterior a través da Aula GaliciaAberta, que sumou máis de 405.000 visualizacións durante o pasado ano.
Este novo programa da Secretaría Xeral da Emigración permitiu complementar os obradoiros tradicionais, que achegaban aos centros galegos de todo o mundo unha profesora ou profesor desprazado desde Galicia, e que a causa da pandemia da covid-19 tivo que ser substituído por esta formación en liña.
As clases, gratuítas e de libre acceso para todos os públicos, contaron tamén con titorías e vídeos promocionais das e dos docentes, que foron vistos por milleiros de galegos e galegas residentes en todo o mundo. Ás reproducións dos vídeos hai que engadirlle, ademais, ás visitas ao apartado da Aula GaliciaAberta, creado na páxina web do departamento autonómico e que rexistrou máis de 70.000 visitas.
A Arxentina, Brasil, O Uruguai, México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos de América, Chile e o Reino Unido foron os países de residencia da meirande parte das espectadoras e espectadores dos seminarios, unicamente superados por España, onde destaca a resposta obtida entre os galegos e galegas de Madrid, Cataluña, o País Vasco, Castela e León e a Comunidade Valenciana, ademais de na propia comunidade autónoma.
Novas relacionadas